ABANCA participa no Día Solidario das Empresas con actividades na Coruña, Vigo e Madrid
- Os voluntarios de ABANCA prepararán e servirán comidas na Cociña Económica, impartirán un taller de cociña saudable a nenos e nenas vulnerables e realizarán un taller de lecer con persoas con discapacidade visual
- O Día Solidario das Empresas é unha iniciativa de Cooperación Internacional ONG e Atresmedia que este ano reunirá a un milleiro de voluntarios de 50 empresas
ABANCA participará na duodécima edición do Día Solidario das Empresas que se celebra este sábado 20 de outubro con diferentes actividades benéficas organizadas na Coruña, Vigo e Madrid. En total, 30 voluntarios do banco súmanse a esta iniciativa promovida por Cooperación Internacional ONG e Atresmedia que se desenvolverá de maneira simultánea en 11 cidades españolas e que ten como obxectivo promover o voluntariado corporativo e sensibilizar desde o ámbito empresarial sobre os problemas reais da nosa contorna.
Na cidade herculina, os profesionais de ABANCA colaborarán na preparación das comidas que servirá ese día a Cociña Económica aos usuarios do seu comedor social.
Os voluntarios e voluntarias da comarca de Vigo desprazaranse ás instalacións da ONG Aldeas Infantís en Redondela para preparar cos nenos e nenas que residen alí unha comida saudable.
Por último, en Madrid, o persoal de ABANCA participará nunha xornada de Goalball organizada pola ONCE. A idea é que poidan coñecer este deporte específico para persoas con discapacidade visual que se xoga cunha pelota sonora e os ollos tapados, así como compartir unhas horas con deportistas que o practican.
Para concluír a xornada solidaria en cada unha das cidades os empregados e empregadas de ABANCA terán ocasión de intercambiar experiencias con voluntarios doutras empresas participantes e representantes das entidades benéficas colaboradoras durante unha comida de confraternización.
O Día Solidario das Empresas é un proxecto de Cooperación Internacional ONG e Atresmedia que ten o obxectivo de promover e facilitar a participación social das empresas a través do voluntariado corporativo. Este ano celébrase a undécima edición do evento e está previsto que participen nas diferentes actividades organizadas un milleiro de voluntarios de 50 empresas.