ABANCA e ANCHE alíanse para afrontar os desafíos do gando ovino
- A entidade financeira rubrica un acordo de colaboración coa Asociación Nacional de Criadores de Ganado Ovino Selecto de Raza Churra, que pon o acento no financiamento
- O banco ofrece a este colectivo de gandeiros respostas a medida, cun catálogo adaptado e xestores especializados
- Ambas entidades mantiveron un contacto fluído durante o estado de alarma, que afectou a este colectivo moi especialmente polo peche da hostalaría
ABANCA dá unha nova mostra do seu compromiso co sector primario e moi especialmente cos criadores especializados no gando ovino de Castela e León. A entidade financeira acaba de firmar un novo convenio de colaboración coa Asociación Nacional de Criadores de Ganado Ovino Selecto de Raza Churra (ANCHE), que agrupa a preto de 160 ganderías da rexión que suman máis de 160.000 ovellas desta variedade.
A rúbrica tivo lugar en Palencia, sede da asociación, e participaron o coordinador de ABANCA Agro en Castela e León, Alfonso García, e o presidente de ANCHE, Mariano Paramio. O encontro permitiu dar continuidade á colaboración que ambas entidades comezaron precisamente durante o estado de alarma e que serviu para unir esforzos e atopar solucións a medida do colectivo.
ABANCA, a través da súa unidade especializada ABANCA Agro, ofreceu a súa experiencia nos últimos meses á hora de atopar solucións para un sector que se veu especialmente afectado, xa que depende en gran medida da hostalaría. Coas restricións derivadas do estado de alarma, o consumo deste tipo de carne e de outros produtos derivados caeu significativamente, poñendo en risco a viabilidade dalgunhas explotacións gandeiras.
Cara a unha folla de ruta común
O texto firmado avanza na estratexia de ABANCA de apoio ao mundo agro en Castela e León, un dos sectores clave da economía rexional. É por iso que o convenio recolle algunhas demandas de ANCHE que se adaptan á nova realidade e entre as que se inclúen produtos con prazos máis amplos de amortización, carencias ou tramitación máis áxil.
Entre estes produtos destacan aqueles destinados a acometer a renovación ou adquisición de maquinaria, a modernización das explotacións ou a implantación de enerxías renovables. Os gandeiros contan desde agora co préstamo persoal ou o leasing para o sector agrogandeiro, cun prazo moi amplo, que pode chegar ata os 12 anos no caso do préstamo.
Por outro lado, a firma tamén dá paso a outras solucións especificamente pensadas para as necesidades máis perentorias. É o caso da póliza de crédito con prazo de ata cinco anos, ideada para o sector e que supón un revulsivo para as necesidades de liquidez de cada momento, cun importante aforro en gastos notariais. O financiamento a curto prazo complétase con outras alternativas como o anticipo PAC ou o préstamo campaña.
Os seguros son tamén protagonistas neste novo texto, cunha liña específica de financiamento de seguros do sector primario que permite fraccionar o pago ata en 12 mensualidades, xusto cando os seguros cobran especial relevancia e co único custe dunha comisión de apertura.