ABANCA, primeiro banco español en implantar a tecnoloxía de chaves de acceso na banca móbil para reforzar a seguridade dos seus clientes
- O novo servizo Chave ABANCA verifica de forma sinxela e segura a identidade dos clientes e eliminará o uso das claves persoais nas transaccións
- O innovador sistema Passkey utiliza o método de desbloqueo do dispositivo do cliente para validar envíos de diñeiro, pagos ou outras operacións importantes
![202402-abanca-id-2 202402-abanca-id-2](/img/internas/202402-abanca-id-2-a6a9ed54.jpg)
ABANCA acaba de lanzar Chave ABANCA, un innovador servizo dixital de verificación de identidade baseado na tecnoloxía de chaves de acceso (tamén coñecida como Passkey, en inglés), que permite reforzar a seguridade das operacións a distancia e protexer a información confidencial do cliente. ABANCA é a primeira entidade financeira española en implementar esta avanzada tecnoloxía criptográfica na súa aplicación de banca móbil.
Chave ABANCA achega ao cliente un factor adicional de seguridade nas súas operacións desde a súa banca móbil e axúdalle a protexer as súas credenciais fronte a intentos de suplantación como phishing e outras técnicas fraudulentas. Grazas a este sistema, o cliente poderá verificar a súa identidade a través dos seus datos biométricos (cara ou pegada) ou o PIN do seu dispositivo móbil, sen necesidade de comprometer as súas claves persoais nin de introducir contrasinais dun só uso para validar envíos de diñeiro ou pagos.
Unha vez que o cliente configure Chave ABANCA desde a app, quedará activa no seu móbil e serviralle para confirmar a súa identidade de forma sinxela, áxil e segura. A chave de acceso solicitaralle o método de desbloqueo do dispositivo (cara, pegada dactilar ou PIN) para autenticar as súas credenciais no momento de realizar operacións importantes como transferencias, envío de diñeiro a través de Bizum ou creación de tarxetas virtuais, entre outras. Con este sistema, unicamente o cliente terá acceso á súa Chave ABANCA, xa que permanecerá exclusivamente no seu dispositivo móbil e nunca se compartirá co banco.
Compromiso coa innovación e a seguridade
Para José Manuel Valiño, director xeral de IT, Procesos e Operacións de ABANCA, “Chave ABANCA proporciona aos clientes o maior nivel de protección nas súas operacións a distancia mantendo a mesma experiencia de usuario, e supón un paso máis no noso compromiso fronte ao ciberfraude”. Subliña que “incorporar a chave de acceso de maneira pioneira para o sector supuxo un importante desafío de deseño e tecnolóxico para os nosos equipos, e cremos que pronto será o estándar do mercado para blindar a verificación de identidade dos clientes de forma áxil e sinxela”.
Chave ABANCA xa está dispoñible para máis de 5.500 clientes de banca móbil do banco, e estenderase de forma gradual a todos os usuarios da app. Unha vez consolidado este innovador servizo na súa banca móbil, ABANCA ten previsto implementalo noutras plataformas do banco como na banca electrónica.