ABANCA promove a educación financeira entre os escolares leoneses
- Máis de 500 alumnos e alumnas do Colegio Leonés e o Colegio Marista San José gozaron estes días do Gran Prix Financeiro
ABANCA seleccionou León como primeiro destino fóra de Galicia para unha das principais actividades que organiza dentro do seu programa de educación financeira. Trátase do Gran Prix Financeiro, unha proposta divertida dirixida a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos da que estes días gozaron máis de 500 escolares do Colegio Leonés e o Colegio Marista San José.
O Gran Prix é un xogo co que se pretende mostrar ao público infantil que o diñeiro non aparece por encantamento, a distinguir entre o necesario e o desexado, e que non sempre podemos ter o que queremos. A través de situacións cotiás os participantes aprenden a importancia de xestionar correctamente o diñeiro.
Na presentación da actividade no Colegio Marista San José, o director de zona León Centro de ABANCA, Marcos Álvarez, destacou que a educación financeira é “unha liña de traballo estratéxica dentro da nosa política de RSC porque entendemos que unha persoa con suficiente formación e información no ámbito financeiro é capaz de valorar mellor as diferentes opcións que se lle presentan e pode tomar decisións máis responsables sobre a xestión das súas finanzas”.
O público infantil é un dos principais destinatarios das iniciativas de ABANCA no marco da educación financeira, que inclúe tamén outras actividades pensadas para chegar a outros colectivos como novos estudantes, emprendedores e xente maior, sempre co obxectivo de que o maior número de persoas posible teña información suficiente para tomar decisións responsables sobre as súas finanzas persoais.
O programa púxose en marcha no último trimestre de 2015 e desde entón participaron nas diferentes iniciativas máis de 16.000 persoas, das cales a metade, 8.000, son nenos e nenas que tiveron un primeiro contacto cos conceptos financeiros e puideron empezar a tomar conciencia da importancia dunha correcta xestión do diñeiro.