ABANCA propón en Vigo un percorrido pola historia da arte do século XX a través dos grandes mestres
- A entidade quere facilitar o acceso ao seu patrimonio artístico a toda a sociedade
- A mostra estará aberta ao público na sede de Afundación en Vigo ata o 30 de decembro
ABANCA inaugura este luns 27 en Vigo, na sede de Afundación, a mostra ‘Tradición, cambio e innovación’, que reúne un centenar de creacións de artistas galegos, españois e internacionais que co seu traballo definiron a arte do século XX e marcaron os rumbos cara aos que se dirixe no momento actual.
Todas as obras que se expoñen forman parte da colección de arte contemporáneo do banco, a pinacoteca corporativa máis importante de Galicia neste ámbito e unha das de referencia obrigada en España. Entre os artistas seleccionados para este repaso pola creación artística do século pasado, destacan nomes de relevancia internacional como Picasso, Antoni Tàpies, Eduardo Chillida, Joan Miró ou Miquel Barceló, sen esquecer os referentes artísticos de Galicia, entre os que se atopan Castelao, Luís Seoane, Leopoldo Nóvoa o Francisco Leiro, entre moitos outros creadores sen os que non se podería entender a arte galega pero que tamén marcaron tendencia fóra das nosas fronteiras.
Con esta exposición, a entidade financeira avanza no seu obxectivo de poñer a disposición de toda a sociedade o seu patrimonio artístico e facilita que todo o público interesado poida contemplar e gozar da gran beleza destas obras, así como coñecer a súa importancia artística e histórica.
As 101 creacións que configuran a mostra entre pintura, debuxo, escultura e fotografía, foron escollidas entre os fondos da colección de arte do banco, que supera en total as 1.300 obras, están catalogadas oficialmente e forman parte do expediente que se está a tramitar para declarar a pinacoteca de ABANCA Ben de Interese Cultural (BIC).
Picasso actúa como fío condutor de toda a exposición, como figura incuestionable que define a arte do século XX. O percorrido, concibido de maneira cronolóxica, comeza cunha das súas primeiras obras, realizada en 1895 durante a súa etapa de estudante na Coruña, e avanza a través de movementos como os renovadores galegos, o cubismo, o poscubismo, o surrealismo e a pintura metafísica.
Outro gran bloque céntrase no exilio, onde desenvolven unha parte moi importante da súa obra ata o seu regreso a España e a Galicia artistas como Castelao, Maruja Mallo, Laxeiro, Luís Seoane, Manuel Colmeiro ou Leopoldo Nóvoa. Sen esquecer a aqueles que continúan na nosa terra e pese ao illamento e a falta de conexión realizan un interesante traballo creativo, como Urbano Lugrís, Díaz Pardo ou Grandío.
O final da posguerra marca o inicio da renovación en España. Desta etapa destaca a presenza de autores como Tàpies, Chillida, Jorge Oteiza ou Joan Miró.
A última fase do percorrido céntrase na actividade artística desenvolvida durante as últimas décadas do século, dende os anos 70 ata o inicio do século XXI, tanto en Galicia como fóra de Galicia. Dende a nova figuración pictórica, con Darío Villalba ou Helena Alemida, a Miquel Barceló e a nova xeración ‘Atlántica’, na que destacan artistas como Menchu Lamas, Antón Patiño, Lamazares, Jorge Barbi, Manuel Vilariño ou Vari Caramés.
Neste colectivo ocupan un lugar destacado as catro Recolectoras de Francisco Leiro, concibidas polo escultor de Cambados como unha homenaxe a todas aquelas persoas que traballaron para recuperar a costa galega tralo afundimento do Prestige.
A viaxe pola historia da arte do século XX a través da colección de arte de ABANCA finaliza con Antonio Murado e Pamen Pereira, dous artistas galegos que traballan fóra das nosas fronteiras pero que representan indiscutiblemente ás novas xeracións.
Guía dixital
Na liña coa vocación de difusión e divulgación que guía as accións culturais de ABANCA, o público interesado en afondar nos autores e as obras expostas disporá dunha aplicación para dispositivos móbiles (smartphones e tablets) que lle permitirá obter información adicional dunha gran parte das creacións que se exhiben.
A app Colección de Arte, dispoñible para dispositivos Android e Apple, utiliza a tecnoloxía de recoñecemento de imaxes con realidade aumentada. Pode descargarse gratuitamente e permite acceder á ficha artística da obra, afondar na biografía del autor ou consultar outros cadros do mesmo creador que tamén están presentes na mostra. Para iso só é preciso enfocar a obra coa cámara do noso dispositivo móbil e seleccionar no menú a sección correspondente.
Horario
A exposición estará aberta ao público no Centro Sociocultural Afundación en Vigo (rúa Policarpo Sanz, 26) ata o 30 de decembro. Poderá visitarse de martes a domingo, en horario de 18.00 a 21.00 horas.
Máis información sobre a colección de arte de ABANCA na web: http://coleccion.abanca.com
Para ampliar información sobre a exposición prema nesta ligazón