A actividade comercial crece 11 puntos coa nova normalidade segundo o Observatorio ABANCA by IESIDE
- O mes de xullo impulsa o consumo, que no entanto mantense lixeiramente por baixo do ano pasado nestas mesmas datas
- As zonas afectadas por restricións á mobilidade experimentaron unha caída da actividade de 18 puntos
- Lecer e moda e complementos incrementan a súa actividade na nova normalidade, aínda que é un 25% inferior aos niveis alcanzados nas mesmas semanas de 2019
Descarga los contenidos anexos
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Xeral Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Xeral
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Coruña Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Coruña
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Lugo Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Lugo
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Ourense Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Ourense
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Pontevedra Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 4 - Pontevedra
- Presentación cuarta oleada do Observatorio ABANCA by IESIDE sobre a desescalada 22.07.2020 O director xeral de Planificación Estratéxica e PMO de ABANCA, Pedro Veiga, expón as principais conclusións do informe en relación coa evolución da actividade comercial nas primeiras semanas da nova normalidade
O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a súa cuarta entrega, na que analiza a evolución da actividade comercial en Galicia entre o 21 de xuño e o 19 de xullo, xa plenamente dentro da nova normalidade.
Segundo os datos correspondentes ás compras con tarxeta de débito ou crédito realizadas polos clientes de ABANCA, a actividade comercial en Galicia situouse ao peche do período observado 11 puntos porcentuais por encima da situación pre-covid. A pesar do efecto positivo de xullo, un mes tradicionalmente favorable pola realización de rebaixas en moitos establecementos comerciais e polo cobro de pagas extra por parte dos consumidores, este nivel de actividade é un 2% inferior ao ano pasado nestas mesmas datas, aínda que con importantes disparidades por sectores.
Como outro dos seus puntos máis destacados, o informe reflicte o efecto sobre a economía nas zonas que necesitaron medidas de redución de mobilidade dentro da nova normalidade. A actividade descendeu nas zonas afectadas 18 puntos. A caída afectou a todos os sectores, pero foi especialmente importante no caso do lecer, cuxa actividade caeu até o 55% do nivel observado na etapa pre-covid. A actividade comezou a recuperarse tras a flexibilización das restricións na maior parte dos concellos afectados.
Disparidade por sectores
Alimentación e farmacias seguen con niveis de gasto claramente superiores aos niveis precovid, mentres que o comercio minorista, a pesar do repunte xerado polas rebaixas, aínda está un 8% por baixo dos niveis de 2019 por estas datas. Dentro do comercio, fogar segue mostrando o maior dinamismo, mentres que as vendas en moda e complementos atópanse un 24% por baixo do ano pasado.
No sector lecer, a actividade en hoteis e restaurantes sitúase xa por encima dos niveis previos á crise polo inicio do período vacacional. Con todo, a actividade hostaleira cae un 29% respecto ao mesmo período do ano pasado, mentres que a restauración atópase en niveis similares. As axencias de viaxes son os establecementos máis afectados polo covid: a súa actividade é un 92% inferior ao mesmo período de 2019 e o seu peso dentro do gasto en lecer cae ao 2%, fronte ao 18,4% que supoñía no mesmo período do ano anterior. No extremo contrario sitúanse as plataformas de vídeo on-line, moi beneficiadas polo actual contexto, cuxas altas nos meses de marzo e abril foron un 54% superiores ás do mesmo período de 2019.
Normalización da estrutura de consumo
A estrutura de consumo das familias galegas avanza cara á normalidade e mostra na maioría das actividades comerciais reducidas diferenzas respecto da situación pre-covid. O peso da alimentación na cesta da compra situouse 3,8 puntos porcentuais por encima (35,3% na nova normalidade fronte a 31,5% pre-covid), o gasto en farmacias fíxoo unicamente en 0,1 puntos (2,7% fronte a 2,6%), o comercio minorista en 0,6 (34,3% fronte a 33,7%), o lecer situouse no mesmo nivel que antes da crise (8,5%), aínda que por baixo do seu protagonismo en xullo de 2019, e as demais actividades analizadas (parkings, talleres, telefonía, vending, etc.) só 0,2 puntos por baixo (9,8% fronte a 10,0%). Pola contra, o transporte mantén aínda unha distancia relevante de 4,5 puntos (9,3% fronte a 13,8%) respecto da situación previa á pandemia e a súa actividade é un 30% inferior ao mesmo período do ano pasado.
Mobilidade en niveis pre-covid
A entrada na nova normalidade, co consecuente levantamento das restricións, supuxo un retorno da mobilidade no consumo aos patróns pre-covid. As compras realizadas fóra da provincia incrementáronse até un nivel superior en 11 puntos porcentuais ao rexistrado con anterioridade á aparición do covid-19. Pola súa banda, tanto as compras efectuadas dentro do concello como as realizadas no resto da provincia retornaron tamén á situación anterior á crise.
Estas conclusións, así como o resto das ofrecidas polo informe, aplícanse de maneira homoxénea e sen diferenzas significativas ás catro provincias galegas, aínda que as provincias con maior actividade turística mostraron unha maior recuperación no lecer.