A Fundación Catedral de Santiago e ABANCA presentan a restauración do Tríptico de Pentecostés, do pintor Juan Luis López
- A obra quedou exposta no Museo da Catedral
Esta mañá presentouse ao público o resultado da restauración do Tríptico de Pentecostés da Catedral de Santiago, obra pictórica de Juan Luis López, realizada entre 1918 e 1920, que se atopaba nun deficiente estado de conservación. O proxecto foi posible grazas ao mecenado de ABANCA, como resultado do convenio asinado o pasado mes de maio coa Fundación Catedral de Santiago.
O Tríptico de Pentecostés pintado polo compostelán Juan Luis López obtivo, na Exposición Nacional de 1920, unha proposta para a Primeira medalla. Para a catedral compostelá realizou esta obra, que estaba destinada, orixinalmente, á Capilla de Sancti Spiritus e que, nos anos centrais do século XX, foi trasladada á Capilla de la Comunión da que se retirou, xa en mal estado de conservación, hai varias décadas, permanecendo, ata agora, en distintos almacéns e estancias do complexo catedralicio. No Tríptico, Juan Luis desenvolveu con gran mestría os seus coñecementos de pintura antiga italiana, sumando, nalgunhas figuras e nos fondos, elementos do simbolismo prerrafaelista, sen abandonar, como en boa parte da súa obra, a súa identidade compostelá.
A táboa central representa a escena de Pentecostés, coa imaxe de María, entronizada, acompañada, a ambos os dous lados, por once apóstolos que son testemuñas da chegada do Espírito Santo. Na táboa da esquerda, represéntase a Santa Isabel de Portugal, peregrina a Compostela en 1326, co Pórtico da Gloria de fondo; e, na da esquerda, a San Francisco de Asís, quen, segundo a tradición, tamén habería peregrinado a Santiago, en 1214, fundando a primeira comunidade franciscana de España.
De xeito paralelo editouse unha monografía cun estudo histórico-artístico do conxunto e a súa memoria de restauración. A partir de hoxe, a peza poderá contemplarse, exposta ao público, nunha das salas do Museo Catedral de Santiago.
Juan Luis (Santiago, 1894-1984) foi un dos artistas máis destacados na Compostela da primeira metade do século XX. Tivo unha prolífica carreira e, aínda que realizou estancias formativas en diversos lugares de Europa -principalmente en Madrid e París- e en América; e residiu en Barcelona e Madrid, nunca se desvinculou da súa cidade natal.
A súa traxectoria está marcada polo seu profundo coñecemento da historia da arte e, sobre todo, pola influencia que, ao longo da súa carreira, tiveron na súa pintura algúns grandes mestres, principalmente do primeiro renacemento italiano e, tamén, do impresionismo e pos-impresionismo.
O apoio de ABANCA a este proxecto de restauración enmárcase dentro do firme compromiso do banco coa conservación do patrimonio cultural galego e a súa vontade de actuar como axente impulsor do desenvolvemento social e cultural de Galicia, tanto de maneira individual como en colaboración con outras institucións de referencia para a nosa Comunidade Autónoma, como a Catedral de Santiago.