A ministra de Educación preside a gala dos V Premios EDUCA ABANCA
- Asistiron tamén o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o CEO de ABANCA, Francisco Botas, e o reitor da UIE e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet
- A plataforma educativa e a Obra Social do banco recoñecen a importancia do papel que desempeñan os docentes na sociedade
A plataforma educativa EDUCA e a Obra Social ABANCA, Afundación, renderon homenaxe aos mellores docentes de España na gala de entrega da quinta edición dos Premios EDUCA ABANCA, que se celebrou no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.
O evento reuniu a máis de 270 persoas entre premiados, profesionais vinculados ao ámbito docente e un nutrido grupo de representantes institucionais entre os que se atopaban a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas; o reitor da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o director xerente de Afundación, Pedro Otero, e o director xeral da plataforma Educa, Víctor Arufe.
Os sete docentes premiados nas diferentes categorías establecidas foron os protagonistas dunha gala na que tamén se reservou un espazo destacado para a entrega de diplomas a todos os profesores e profesoras que quedaron finalistas. En total, 61 profesionais que desenvolven o seu traballo en localidades de diferentes puntos da xeografía española foron distinguidos pola súa boa práctica docente e a dedicación á súa profesión.
Esperanza Meseguer Navarro, profesora no CEIP Nuestra Señora de Loreto de Santiago de la Rivera (Murcia) recolleu o premio na categoría de Educación Infantil. Francesc Vicent Nogales Sancho, mestre no Colegio San Enrique de Quart de Poblet (Comunitat Valenciana), foi o gañador na categoría de Educación Primaria. Antonio Pérez Moreno, profesor no IES Sierra Luna de Los Barrios (Andalucía), recibiu o galardón no apartado de Educación Secundaria. Patricia Mercedes Santos Campos, docente no IES Profesor Isidoro Sánchez de Málaga (Andalucía), foi recoñecida na categoría de Formación Profesional. Carolina Marrero Stürmer, mestra nos centros EOI Telde, Montserrat Villalba Ruiz S.L. e Hotel Escuela Santa Cruz das Palmas de Gran Canaria (Canarias), alzouse co premio na categoría de Educación non formal. Por último, Alexandre Sotelino Losada, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (Galicia), obtivo o recoñecemento na categoría de Universidade.
Cada un recibiu unha figura conmemorativa EDUCA, un diploma acreditativo e un premio en metálico.
Nesta edición, os galardóns aos profesores e profesoras en activo completáronse coa entrega dunha mención honorífica á traxectoria docente a Jose Bonet Miguel, docente xubilado que traballou durante máis de 38 anos nos centros CEIP Emili Lluna e IES de Feliu de Alginet en Alacant (Comunitat Valenciana).
Convocada a sexta edición dos Premios EDUCA ABANCA
Coincidindo coa gala de entrega de galardóns aos mellores docentes de 2021 abriuse o prazo para presentar candidaturas para a sexta edición dos premios, que distinguirán aos profesores que destaquen pola súa boa praxe profesional en 2022.
Calquera estudante pode propoñer para o galardón ao docente que admire pola súa entrega á profesión e o traballo que realiza a través do formulario dispoñible na web www.mundoeduca.org. No caso das categorías de Educación Infantil e Primaria serán as familias as que teñan que realizar as propostas.
Os Premios EDUCA ABANCA xorden en 2017 co fin de mellorar a visibilidade da boa práctica docente entre a sociedade e dar voz ao alumnado e ás súas familias á hora de recoñecer a aqueles profesores que destaquen polo seu bo facer. O principal obxectivo da iniciativa é enxalzar a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensino e tamén a importancia do papel que desenvolven estes profesionais na sociedade.