ABANCA abre unha innovadora oficina comercial adaptada ao nivel de dixitalización de cada cliente
- O novo centro supón unha referencia en tecnoloxía dentro da rede de ABANCA e reflicte a imaxe máis moderna da entidade
- ABANCA realizará nela os test dos novos produtos e servizos antes do seu lanzamento masivo ao mercado
- A nova oficina de ABANCA constitúe un espazo físico e dixital deseñado para facilitar as xestións dos clientes
ABANCA presentou hoxe unha nova oficina, situada na praza de Lugo da Coruña, que supón un paso máis na decidida aposta da entidade pola dixitalización e a prestación dun servizo da máxima calidade ao cliente. Este novo centro de atención e servizo ao cliente enmárcase dentro do concepto Novo Modelo de Oficina de ABANCA, que o banco está a incorporar de forma progresiva ao conxunto da súa rede comercial. Ata a data ABANCA renovou xa 122 oficinas, realizando un investimento total de 26 millóns de euros; a esta cifra sumaranse outros 100 millóns para seguir transformando a rede comercial da entidade.
A nova oficina de ABANCA caracterízase pola combinación dun innovador concepto de organización do espazo cos recursos tecnolóxicos máis avanzados aplicados á actividade bancaria. “A oficina está deseñada para ofrecer aos clientes de ABANCA atención diferencial, personalizada e potenciada pola tecnoloxía nun espazo aberto, accesible, cómodo e moderno. É un novo paso adiante na nosa aposta pola excelencia no servizo”, sinala Gerardo Fuertes Ayerdi, director territorial de ABANCA na Coruña.
Modelo mixto: persoas e tecnoloxía
Esta oficina ejemplifica o mix de atención persoal e operatoria dixital elixido por ABANCA como fórmula ideal para atender as necesidades dos seus clientes. Estes poderán realizar as súas operacións de maneira totalmente dixital, híbrida ou de forma persoal cos xestores da oficina. O centro impulsará a dixitalización da actividade dos seus clientes adaptándose ás súas preferencias.
Na nova oficina ABANCA prestará aos seus clientes un servizo diferencial, adaptándose ás necesidades de cada un deles ao dispor de xestores especializados en cada tipoloxía de clientes: xestores de empresas, comercios e autónomos, xestores e asesores de banca persoal, xestores especializados en seguros, etc. Durante o período do Nadal, desde hoxe día 19 ata o 4 de xaneiro, a oficina abrirá ao público en horario de 8:15 a 14:30 e de 16:30 a 19:30 de luns a venres e os sábados de 10 a 14 horas. No este período a oficina contará coa presenza de R4, o robot humanoide de ABANCA.
Interiorismo enfocado ao espazo, o confort e a eficiencia
A nova oficina de ABANCA na praza de Lugo da Coruña foi ideada en base aos criterios de creatividade, funcionalidade, deseño e sustentabilidade. Dispón dunha superficie total de 550 m² repartidos en tres plantas, nas que se situarán os dez empregados que a atenderán. Todos os servizos de atención ao público pódense realizar na planta baixa; por tanto para o público o local é accesible e carece de barreiras arquitectónicas.
A maioría dos espazos son para uso do cliente: 4 salas de reunións, 10 espazos de atención comercial, mesas en aberto, mesa interactiva, etc. O eixo principal do seu deseño é o espazo único, aberto, luminoso e diáfano, que transmite unha atmosfera confortable e colaborativa. A oficina dispón tanto de espazos de reunión abertos como pechados, para o seu uso segundo as necesidades de privacidade de cada caso. Cliente e empregado poden seleccionar o espazo comercial que mellor se adapte á xestión que van realizar.
Centrada no cliente
A oficina dispón dunha zona de benvida, onde o cliente será guiado desde o primeiro momento para atender e resolver as súas necesidades. Ademais conta cun espazo de autoservizo, que funciona as 24 horas do día os 365 días do ano e dispón de caixeiros de última xeración para realizar calquera operación. Co fin de dedicarse integramente á solución de necesidades comerciais e á atención persoal, as operacións de caixa realizaranse nunha oficina próxima, situada na rúa Juan Flórez. A oficina atenderá as necesidades do cliente universal de ABANCA, aínda que dispón, adicionalmente, dun espazo específico para os clientes de ABANCA Persoal.
A oficina foi construída prestando especial atención á acústica e ao confort lumínico e de climatización, tanto desde o punto de vista da eficiencia enerxética como do adecuado ambiente para o cliente e o empregado. Na súa construción tivéronse en conta criterios de economía local e arraigamento no territorio, empregando materiais como a madeira, a lousa ou a pedra.
Dixitalización progresiva e personalizada
A nova oficina de ABANCA nace como un dos espazos de referencia da entidade no ámbito das novas tecnoloxías. Contará cunha ampla dotación tecnolóxica enfocada ás seguintes cinco prioridades:
- Permitir a mobilidade dos xestores comerciais para atender ao cliente en calquera zona coa tableta Microsoft Surface© como dispositivo único de traballo.
- Incorporar formatos e contidos audiovisuais en diferentes elementos de vídeo, como pantallas LED e de muro e hologramas 3D.
- Adecuar os seus recursos ás necesidades do cliente coa incorporación de xestores de benvida, WiFi e pantallas multitouch de última xeración en zonas de espera.
- Reenfocar a actividade do seu persoal ás xestións de máis valor para o cliente grazas á dispoñibilidade de caixeiros avanzados na zona 24h.
- Incrementar a súa sustentabilidade ambiental grazas á firma dixital de contratos e a redución do número de impresoras, avanzando desta maneira na filosofía cero papel.
Ademais de servir como punto de atención e servizo para o público, a nova oficina cumprirá a función de axudar a mellorar o nivel de dixitalización de clientes e non clientes. ABANCA realizará nela os test dos novos produtos e dos servizos máis innovadores antes do seu lanzamento masivo ao mercado.
A nova oficina incorpora por primeira vez na rede de ABANCA o denominado Espazo Dixital. Este novo concepto creado por ABANCA servirá para impulsar a familiarización do público coa banca dixital. Os clientes poderán informarse, contratar e operar produtos dixitais de ABANCA a través de diferentes dispositivos (tablets e smartphones), tanto do banco como propiedade do cliente. Será posible realizar diferentes xestións, desde contratacións da Conta Clara (conta, depósito, tarxeta de de crédito e tarxeta de débito) ata as operacións máis habituais.