ABANCA achégase ás necesidades de crédito do sector pesqueiro do norte de Pontevedra e impulsa os investimentos sostibles
- O banco elabora un catálogo a medida que se adapte ás demandas do sector, que está a sufrir as consecuencias económicas da crise sanitaria
- ABANCA ofrece unha serie de produtos deseñados a medida para catorce confrarías do norte da provincia, a Lonxa de Campelo e Parquistas de Carril
ABANCA e catorce confrarías de pescadores do norte da provincia de Pontevedra, a lonxa de Campelo e Parquistas de Carril, veñen de asinar un convenio de colaboración en materia financeira. A entidade financeira crea así novas canles para asegurar o acceso ao crédito, a servizos e á atención especializada dos profesionais do mundo do mar. Grazas a este acordo, o sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultor do norte da provincia, que é de grande relevancia na economía produtiva e xera unha importante cantidade de empregos, contará cun novo e renovado impulso.
O acordo foi asinado esta mañá de forma virtual, para evitar calquera risco xerado pola pandemia da Covid-19, pola directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández; polo presidente de Parquistas de Carril e patrón maior da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Carril, José Luis Villanueva; e o representante da Lonxa de Campelo e patrón maior da Confraría de San Telmo de Pontevedra, César Rodríguez. Na xuntanza telemática tamén participaron o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, así como o coordinador Miguel Rios e outros directores e xestores da rede comercial do banco.
Pola banda das confrarías, asinaron as respectivas e respectivos patróns e patroas maiores: María del Carmen Vázquez, da Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán; María del Carmen Cortegoso, da Confraría Pedra da Oliveira de Vilaboa; María José Vales, da Confraría A Pastoriza de Vilanova; Juan José Rial, da Confraría San Julián da Illa de Arousa; José Manuel Rosas, da Confraría San Martiño de Bueu; Ruperto Costa, da Confraría San Antonio de Cambados; Enrique González, da Confraría Santa María do Porto de Marín; Antonio Manuel Otero, da Confraría San Martiño do Grove; Juan José Besada, da Confraría de Portonovo; Iago Tomé, da Confraría de San Gregorio de Raxó; Sauro Martínez, por parte da Confraría Santa Rosalía de Sanxenxo; e Joaquín Santos, da Confraría Virxe do Rosario de Vilaxoán.
Crédito e compromiso coa sostibilidade
Trátase dun acordo co epicentro no crédito, onde os profesionais do mar poderán acceder a condicións melloradas na contratación de produtos ABANCA, tanto para poñer en marcha novos proxectos, como para mellorar a competitividade dos actuais. Desta forma, ofrécense opcións como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, Confir-MAR, avais ou liñas de desconto.
A entidade financeira porá a disposición dos beneficiarios outros produtos que facilitarán o fomento da sostibilidade do sector marítimo, como a hipoteca naval. E unha fórmula flexible de crédito que contribúe ao proceso de renovación da flota, na substitución das embarcacións actuais por outras máis eficaces e que, polo tanto, deixan unha menor pegada nos ecosistemas. Promoveranse tamén outros produtos específicos para as inversións sostibles, para así promover e facilitar a sostibilidade e o desenvolvemento dos negocios.
Os seguros personalizados son outro dos puntos fortes do acordo, xa que dende a unidade especializada ABANCA Mar, facilitarase información específica para estes profesionais en relación ás opcións de aseguramento dos seus negocios e informarase das oportunidades de financiamento mediante os convenios oficiais que o banco mantén co ICO, Igape e as SGR galegas.