ABANCA adianta con créditos brandos o cobro de axudas para investimentos sostibles no sector do mar
- A través da súa unidade especializada ABANCA Mar, o banco financiará mediante anticipos subvencións para mellorar a eficiencia enerxética de instalacións, a protección da biodiversidade mariña e a sostibilidade pesqueira e acuícola
- A entidade financeira presenta ás confrarías do norte da Coruña as novidades da súa oferta financeira para o sector marítimo-pesqueiro e reforza o marco de colaboración conxunto
ABANCA acaba de lanzar, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, unha liña de anticipos para financiar axudas públicas destinadas á mellora da sostibilidade do sector marítimo-pesqueiro.
Estes préstamos brandos, con xuros baixos e sen comisións, permitirán anticipar o importe de subvenciones autonómicas e estatais concedidas para acometer investimentos sostibles e actuacións na cadea de valor do mar que contribúan a combater o cambio climático. Entre outras, a entidade financeira galega adiantará o cobro de axudas para a modernización enerxética de instalacións (confrarías, lonxas e portos pesqueiros), para protexer a biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e os seus ecosistemas ou para investimentos en buques que fomenten a pesca sostible. Tamén figuran nesta liña de financiamento anticipos de subvencións do Programa Pleamar do Ministerio para a Transición Ecolóxica para o reforzo da sostibilidade do sector pesqueiro e acuícola español.
Estes novos créditos inclúense no plan de financiamento de ABANCA Mar para o sector marítimo-pesqueiro que, xunto ao apoio a investimentos dirixidos á renovación da flota, dá prioridade este ano á concesión de crédito para acometer proxectos de mellora da sostibilidade pesqueira.
A entidade financeira presentou esta tarde en A Coruña a súa nova oferta financeira para o sector do mar durante unha reunión de traballo con responsables das principais confrarías del norte da provincia. No encontro, promovido por ABANCA para reforzar o marco de colaboración estable que mantén con este colectivo, participaron o director territorial de ABANCA na Coruña, Gerardo Fuertes Ayerdi, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga Díaz, así como outros representantes da entidade financeira vinculados co negocio do sector pesqueiro. Por parte das confrarías asistiron os representantes –na súa maioría patróns maiores- dos pósitos da Coruña, Caión (Laracha), Cariño, Cedeira, Corme, Ferrol, Laxe, Malpica, Mera, Miño, Mugardos, Pontedeume e Sada.
Novo acordo de colaboración conxunta
Durante o encontro, os trece pósitos asistentes renovaron o acordo financeiro que manteñen con ABANCA. O protocolo inclúe produtos e solucións de financiamento deseñados pola entidade para atender as necesidades das empresas e profesionais do mundo do mar, como hipotecas navais, préstamos a tipo fixo ou pólizas de crédito para renovación de flota; préstamos para a compra de materias primas en campaña, mareas, pagos de gasóleo ou de dereitos de pesca, e anticipos para facer fronte a paros biolóxicos ou pago de impostos.
A xornada permitiu a ABANCA coñecer de primeira man a realidade deste sector clave para a economía galega e, especificamente, as inquedanzas das Confrarías do litoral norte da provincia coruñesa. Coa cita celebrada esta tarde, xa son catro as edicións dunha reunión impulsada pola entidade financeira co obxectivo de traballar de maneira conxunta para dar resposta ás demandas deste colectivo.