ABANCA, Afundación e a UIE apagarán os seus edificios mañá pola Hora do Planeta
- Vinte centros corporativos do banco, a súa Obra Social e a Universidad Intercontinental de la Empresa desconectarán a súa iluminación entre as 20.30 e as 21.30 horas
- ABANCA, Afundación e a UIE súmanse a esta iniciativa para concienciar sobre a emerxencia climática e a necesidade de protexer a natureza
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA, Afundación e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) sumaranse mañá, sábado 28 de marzo, á Hora do Planeta, a maior iniciativa global de mobilización ambiental impulsada por WWF, que chega este ano á súa vixésima edición. O banco, a súa Obra Social e a UIE realizarán un apagamento simbólico de 60 minutos, de 20.30 a 21.30 horas, nos seus edificios máis representativos.
En concreto, ABANCA desconectará a iluminación dos principais centros que ten na Coruña (Rúa Nueva 30, Riego de Agua, Espazo Avenida e Praza de Lugo) e Vigo (García Barbón). En Madrid, quedarán ás escuras a sede de Recoletos 4 e a oficina de Serrano. Tamén se sumarán ao apagamento as oficinas principais do banco en Lugo, Ourense, Oviedo e Mérida. Ademais, nesta edición apagarase por primeira vez o Edificio Fronteira en Lisboa.
Pola súa banda, Afundación desconectará as fachadas e pantallas LED das súas sedes na Coruña (Cantón Grande), Vigo (Policarpo Sanz), Ourense e Ferrol. A este apagamento sumaranse o Teatro Afundación de Vigo e a Residencia de Estudantes da institución en Pontevedra.
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) tamén participará activamente na iniciativa deixando sen luz os rótulos dos seus campus na Coruña (Ronda de Nelle) e Vigo (Avenida de Madrid).
Con esta acción, ABANCA, Afundación e a UIE reafirman o seu compromiso coa sostibilidade e a loita contra o cambio climático. As tres organizacións manteñen a protección do medio ambiente como un eixo prioritario da súa estratexia, impulsando proxectos que promoven a conservación da biodiversidade e un modelo socioeconómico responsable e respectuoso coa contorna.