ABANCA, Afundación e a UIE participan mañá na Hora do Planeta
- Catorce edificios corporativos do banco, a súa obra social e a universidade apagarán a súa iluminación entre as 20.30 e as 21.30 horas
- ABANCA, Afundación e a UIE súmanse a esta iniciativa global no marco do seu compromiso co medio ambiente e os ODS
ABANCA, Afundación e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) van sumar mañá sábado, 25 de marzo, á iniciativa global de sensibilización ambiental a Hora do Planeta, que promove desde 2007 WWF.
O banco, a súa obra social e a universidade participarán de novo nesta campaña que busca chamar a atención sobre o problema do cambio climático co apagado simbólico durante 60 minutos, de 20.30 a 21.30 horas, das fachadas de 14 dos seus edificios corporativos máis representativos nas principais cidades galegas e Madrid.
En concreto, ABANCA deixará sen iluminación na Coruña a súa sede principal (Rúa Nueva, 30), a sede de ABANCA Seguros (Riego de Agua, 3), a pantalla situada no Obelisco e a oficina da Praza de Lugo. En Vigo sumarase a sede de García Barbón e en Madrid, o edificio corporativo de Recoletos, 4, e Espacio Serrano, 45.
Afundación apagará as fachadas e pantallas led das súas sedes da Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol. Pola súa banda, a UIE suspenderá durante esa hora a iluminación dos rótulos luminosos das fachadas das súas sedes da Coruña e Vigo e tamén o da residencia de estudantes de Pontevedra.
Ademais de realizar este xesto simbólico de apagar os seus edificios, nesta edición do evento ABANCA participa tamén no outro reto que propón WWFSerás redirixido a outro sitio web no marco desta iniciativa: ‘Dálle unha volta ao planeta’, que consiste en animar á cidadanía a sumar pasos e quilómetros para demostrar que co esforzo de todas as persoas podemos gañarlle a carreira ao cambio climático, ao mesmo tempo que se fomentan o deporte e os valores asociados. O persoal do banco percorreu ata o momento 2.639 quilómetros cos que contribuíron a dar doce veces a volta ao planeta.
ABANCA, Afundación e a UIE únense a esta nova edición da Hora do Planeta no marco do seu compromiso co medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As tres organizacións situaron a sostibilidade no centro da súa estratexia e impulsan diferentes iniciativas dirixidas á conservación da biodiversidade, así como a promover un modelo social e económico máis sostible e respectuoso coa nosa contorna e cos dereitos das persoas.