ABANCA apoia ás confrarías do norte de Pontevedra con novas medidas para enfrontar retos económicos e ambientais
- O banco asina un acordo estratéxico con 16 entidades pesqueiras para proporcionar solucións financeiras que mitiguen as dificultades económicas, apoiando ao sector nun ano especialmente desafiante
- O novo convenio ofrece produtos de apoio para paros biolóxicos e outras interrupcións de actividade que impactaron considerablemente ás confrarías nos últimos meses
- Tamén permite acceder a préstamos anticipo destinados a investimentos que fomenten a sostibilidade, eficiencia enerxética, biodiversidade e mellora do impacto climático
ABANCA e as confrarías do norte de Pontevedra, xunto coa Lonxa de Campelo e Parquistas de Carril, renovaron hoxe o seu histórico acordo de colaboración, fortalecendo así a alianza que manteñen desde hai anos. Este novo acordo, deseñado conxuntamente co sector, céntrase en proporcionar solucións financeiras para afrontar os retos económicos actuais e apoiar a unha actividade vital no tecido produtivo da provincia.
A directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, asinou o acordo cos representantes das confrarías de Pontevedra, Lourizán, Marín, Vilaboa, Bueu, Carril, Raxó, Sanxenxo, Portonovo, Vilanova, O Grove, A Illa, Cambados, Vilaxoán, e da Lonxa de Campelo e Parquistas de Carril. Durante a firma, estiveron tamén acompañados polo director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o coordinador desta unidade, Miguel Ríos.
Apoio financeiro ante un ano desafiante
O novo acordo reforza o apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro na provincia. Ofrece pólizas de crédito deseñadas especificamente para apoiar a estes profesionais durante os paros biolóxicos e outras interrupcións de actividade que afectaron significativamente ás confrarías da zona nos últimos meses, asegurando así a estabilidade económica de pescadores e mariscadores.
Ademais, o acordo inclúe préstamos anticipo, sen comisións ou xuros, destinados a investimentos que fomenten a sostibilidade, eficiencia enerxética, biodiversidade e mellora do impacto climático. Destaca tamén neste sentido a hipoteca naval, un produto específico para a adquisición e modernización de embarcacións, facilitando así a renovación da frota pesqueira galega.
Para completar a oferta, ABANCA contempla igualmente outros produtos pensados para dar resposta ás necesidades do día a día das confrarías e os seus membros, como préstamos persoais, anticipos, leasing mobiliario, confirming, avais ou seguros especializados, entre outros. Así mesmo, a entidade financeira incorpora no novo texto o plan "ABANCA Emprendedores e Profesionais", o seu primeiro plan de pensións de emprego simplificado dirixido a persoas traballadoras autónomas. Trátase dunha nova solución, sinxela e flexible, pensada para complementar a xubilación deste colectivo, que permite xerar un maior aforro que os plans de pensións individuais.
Compromiso coa conservación e sostibilidade do medio mariño
O encontro tamén serviu para informar aos profesionais do mar sobre as iniciativas do proxecto PLANCTONSerás redirixido a outro sitio web, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA, Afundación. Pilar Alves, responsable de RSC, presentou os avances deste proxecto, que xa conta coa colaboración de máis de 70 entidades e que logrou retirar máis de 71 toneladas de residuos das costas galegas desde o seu inicio fai xa tres anos.
PLANCTON segue sendo unha peza fundamental na estratexia de conservación e sostibilidade de ABANCA e Afundación, fomentando prácticas responsables e a protección do medio mariño, para asegurar así a viabilidade futura do sector pesqueiro en Galicia.