ABANCA busca unha estratexia común coas confrarías de Pontevedra nun encontro online
- O banco convoca telematicamente aos principais pósitos das rías de Pontevedra e Arousa para avanzar nas solucións ás súas demandas máis perentorias
- A entidade ofrece a súa oferta sectorial e a experiencia da unidade especializada ABANCA Mar para atallar os efectos da pandemia
- O encontro serve para renovar os convenios de colaboración que ABANCA mantén con cada unha das confrarías
ABANCA referenda a súa colaboración co mundo do mar no norte da provincia de Pontevedra e dá un novo impulso ao acordo que mantén coas principais confrarías deste ámbito xeográfico. Un total de 12 pósitos emprazados nas rías de Pontevedra e Arousa participaron nun encontro online organizado pola entidade financeira que serviu para coñecer os retos do sector e trazar unha folla de ruta común fronte á situación actual. O banco dá continuidade así ao diálogo que mantén cos principais axentes do sector en Galicia para ofrecer solucións adaptadas.
Esta cita telemática contou coa participación da directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández, e do director de ABANCA Mar, Javier Fraga, así como distintos directores de zona, directores de oficina e xestores especializados. Por parte das confrarías interviñeron os seus patróns e patroas maiores.
Na reunión, que se estendeu por máis dunha hora, os representantes dos pósitos pontevedreses expuxeron o punto no que se atopa o sector tras a explosión da pandemia e a posterior aplicación do estado de alarma. Esta situación extraordinaria provocou limitacións á hora de faenar e levou aparellada unha caída importante da demanda e dos prezos.
Desde o inicio desta crise, o banco mantivo un contacto fluído e regular cos principais axentes do sector da provincia. Unhas comunicacións a distancia que permitiron adaptar a oferta de ABANCA ás súas demandas e que se materializan nun catálogo que agora inclúe produtos con prazos máis amplos de amortización, a introdución de carencias no financiamento ou a tramitación máis rápida e sinxela de expedientes.
O mar, un segmento estratéxico para ABANCA
A parte final do encontro serviu para rubricar e dar continuidade ao convenio de colaboración que ABANCA mantén con cada unhas das confrarías. Este catálogo adaptado aos pósitos contempla alternativas para realizar investimentos a través de préstamos ou leasing, coa hipoteca naval como un dos produtos máis demandados.
As necesidades de liquidez puntuais tamén están recollidas neste convenio grazas á póliza de crédito específica para o sector pesqueiro. O texto tamén inclúe outras alternativas para atender a baixada da demanda como os anticipos de axudas, os aprazamentos de impostos ou as liñas de desconto. Completan esta oferta sectorial outras opcións como as liñas de avais ou de comercio exterior, o confirming ou as coberturas de gasóleo.
ABANCA reforza o seu compromiso coa actividade pesqueira e con toda a súa cadea produtiva. Desde a creación da unidade dedicada ao sector, ABANCA Mar, a entidade mantén unha clara orientación cara a este segmento, grazas a xestores especializados e un catálogo de produtos e servicios que se adaptan ao colectivo.