ABANCA celebra unha xornada sobre as posibilidades do PERTE agroalimentario para as empresas do agro e o mar
- O evento forma parte do plan do banco para facilitar aos seus clientes o acceso ás axudas para a recuperación e transformación da economía
Descarga los contenidos anexos
ABANCA celebrou hoxe en Santiago de Compostela unha xornada divulgativa sobre o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do sector agroalimentario. O evento, que tivo lugar en modalidades presencial e dixital, abordou as oportunidades ofrecidas polo programa de axudas Next Generation para impulsar a modernización, a sostibilidade e a dixitalización das empresas dos sectores do agro e o mar.
A xornada contou coa participación de Mónica Gondar Álvarez, directora de Next Generation ABANCA, quen realizou a intervención de apertura; César Cantalapiedra López, socio director de finanzas públicas de Analistas Financieros Internacionales (AFI), quen ofreceu un relatorio sobre o contexto actual do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e as convocatorias de axudas do ano 2022; e Andrés Montero Aparicio, da Unidade de Seguimento do PRTR no Gabinete de Presidencia do Goberno, que centrou a súa intervención na situación do sector agroalimentario no contexto do Plan de Recuperación.
PERTE e bancas especializadas
Na súa intervención, a directora de Next Generation ABANCA, Mónica Gondar Álvarez, explicou a figura do PERTE dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “Pola súa capacidade de arrastre en distintos ámbitos, espérase que o PERTE agroalimentario favoreza a creación de novos modelos de negocio, oportunidades laborais e aforro no tecido produtivo, as economías domésticas e os orzamentos públicos”, destacou.
Tamén repasou os elementos fundamentais do modelo que o banco emprega para atender as necesidades das empresas do complexo agroalimentario a través das unidades especializadas ABANCA Agro e ABANCA Mar. Entre as actuacións máis destacadas de ABANCA Mar, enumerou “a renovación da frota pesqueira, o investimento para a modernización das explotacións de acuicultura e o financiamento de investimentos en industria transformadora, moitas veces aparellada a subvencións do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) con criterios de innovación, sostibilidade e eficiencia enerxética”.
No caso de ABANCA Agro, como principais actuacións citou ”o financiamento de investimentos da industria agroalimentaria, os plans de mellora, os investimentos no sector forestal, os anticipos PAC, e os investimentos en modernización do regadío, ligadas todas elas a liñas de axudas nas que ten unha relevancia importante a aposta pola sostibilidade, a eficiencia enerxética e a redución de emisións”.
Mónica Gondar explicou tamén que, adicionalmente a estas actuacións, “os equipos de ABANCA Agro, ABANCA Mar e Next Generation ABANCA están a analizar as oportunidades existentes para o sector co obxectivo de anticipar axudas e deseñar produtos de financiamento específicos que complementen os recursos dos proxectos”.
Apoio integral ao cliente
A organización desta xornada forma parte da batería de accións que ABANCA está a pór en marcha para facilitar o acceso dos seus clientes ás axudas do programa para a recuperación e transformación da economía.
A través de Next Generation ABANCA, o banco apoia aos seus clientes tanto no deseño das súas propostas (facilitando o acceso á información, axudando na identificación ou selección de proxectos, e asesorando financeiramente) como na canalización dos recursos (con investimento a longo prazo e financiamento anticipado para facer viables as diferentes fases dos proxectos).
Un aspecto clave neste esforzo é o lanzamento de produtos específicos (préstamos persoais a tipo fixo e variable, leasing mobiliario fixo e variable, anticipos de subvención e avais bancarios), para usos como a compra de vehículos ecolóxicos, a instalación de puntos de recarga, a instalación de fontes de enerxías renovables para o autoconsumo, a rehabilitación de vivendas ou o anticipo das axudas públicas.
Doutra banda, ABANCA participou na constitución da sociedade público-privada Impulsa Galicia, que ten por obxectivo promover iniciativas empresariais tractoras que incidan na dinamización e transformación da economía a través dun modelo verde e dixital.
Outro bloque de accións son as levadas a cabo co obxectivo de divulgar o programa de axudas Next Generation, para o que se estableceron numerosos contactos con empresas, cámaras de comercio e confederacións de empresarios, e celebráronse diferentes xornadas e webinars informativos.