ABANCA completa coas confrarías de Lugo o seu compromiso estratéxico co sector pesqueiro
- A entidade financeira constrúe un eixo de apoio ao mundo do mar que integra a preto de 60 pósitos de toda a franxa costeira de Galicia
- O banco convoca nunha mesa de traballo á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e aos patróns maiores das principais confrarías para presentar a súa oferta de crédito
ABANCA afianza en Lugo a súa estratexia de apoio ao sector marítimo en Galicia, tras rubricar esta tarde en Burela un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e coas confrarías de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo. Unha firma na que participaron os responsables destas entidades e que serviu para avaliar as necesidades e os retos do sector no arranque do ano.
O banco con sede en Galicia pecha así na Mariña o seu plan de apoio nun acto no que interviñeron, por parte de ABANCA, o director territorial en Lugo, Walter Álvarez; o director de ABANCA Mar, Javier Fraga; o director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro, e diversos directores de oficina e xestores peme da territorial.
Coa firma en Burela, ABANCA completa un plan de apoio ao sector pesqueiro que lle permitiu firmar acordos con cerca de 60 confrarías e coñecer de primeira man as súas necesidades. Unhas rúbricas que nas últimas semanas se sucederon cos pósitos da contorna de Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña. Ademais da propia firma do convenio financeiro, a reunión permite traballar informalmente nos principais desafíos e oportunidades do sector.
Por parte das confrarías tomaron partido José Basilio Otero Rodríguez (presidente da Federación Provincial de Pescadores de Lugo e patrón maior da Confraría San Juan Bautista de Burela), Domingo Rey Seija (patrón maior da Confraría Santiago Apóstolo de Celeiro), José Juan Lestegás Iglesias (patrón maior da Confraría de Foz), José Ángel Redondo Alba (patrón maior da Confraría de Ribadeo), Javier Sánchez Fernández (patrón maior da Confraría de San Cibrao) e Diego Pernas Lamelas (vicepatrón maior primeiro da Confraría de O Vicedo).
O texto en vigor desde esta tarde pon o acento especialmente no crédito. Os membros das confrarías mariñás poden acceder a opcións como unha póliza de crédito a cinco anos e sen comisiones pensada para facer fronte aos períodos de caída de ingresos. A oferta sectorial tamén inclúe desde préstamos persoais sen xuros ou comisións para aprazar o pago de impostos ou subvencións ou liñas de desconto ata leasing mobiliario, avais ou liñas de comercio exterior. Os membros das confrarías tamén poderán acceder aos plans de financiamento con apoio institucional, como os programas oficiais de crédito do Igape ou do ICO ou o financiamento a través de Afigal.
ABANCA Mar achégase ao sector
Os acordos de ABANCA coa maior parte das confrarías de Galicia nas últimas semanas encaixan coa súa estratexia de apoio ao sector primario grazas a un plan que permite atender as necesidades dun colectivo relevante para a economía autonómica. A última edición de Conxemar serviu para presentar ABANCA Mar, unha división creada para dar respostas a un sector amplo e heteroxéneo cun crecente catálogo de produtos e uns profesionais altamente cualificados.