ABANCA culmina en Lugo a renovación do seu plan de impulso ás confrarías
- A entidade financeira pecha cos principais pósitos da Mariña e coa federación provincial un acordo para ofrecer financiamento a medida aos profesionais do mar
- Os principais axentes do sector en Lugo comparten unha mesa redonda que serve para enriquecer a colaboración co banco e debater sobre os retos
- O encontro permite poñer en valor a proximidade e o coñecemento da unidade especializada ABANCA Mar e fixa na renovación da flota unha das prioridades do ano
ABANCA completa con cinco das principais confrarías da Mariña e coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo o seu plan integral de impulso ao sector. Trátase dunha estratexia conxunta que a entidade financeira renovou nos últimos meses cos principais pósitos de Pontevedra e A Coruña e que chega ao seu fin precisamente hoxe en Burela. En total, case 60 confrarías subscribiron o texto de colaboración e puideron compartir algunha das mesas redondas que o banco con sede en Galicia organizou.
A proposta transversal da entidade financeira para o mundo do mar completouse na sede da Confraría de Pescadores de Burela coa firma da renovación dos convenios. Contou coa participación, por parte de ABANCA, do director territorial en Lugo, Walter Álvarez; do director de ABANCA Mar, Javier Fraga; do director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro, así como de diversos directores de oficina e xestores peme da territorial.
Por parte das confrarías tomaron partido José Basilio Otero Rodríguez (presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e patrón maior da Confraría San Juan Bautista de Burela), Domingo Rey Seija (patrón maior da Confraría Santiago Apóstolo de Celeiro), José Juan Lestegás Iglesias (patrón maior da Confraría de Foz), José Ángel Redondo Alba (patrón maior da Confraría de Ribadeo) e Javier Sánchez Fernández (patrón maior da Confraría de San Cibrao).
Financiamento da campaña e dos investimentos
Este novo texto toma a testemuña do anterior e mantén o acento no financiamento. Unha das demandas máis recorrentes do colectivo nos últimos meses é precisamente a renovación da flota, como paso necesario para gañar en competitividade e consolidar a súa posición. ABANCA ofrece para este fin a hipoteca naval, un produto determinante para acometer este proceso grazas á súa flexibilidade, amplos prazos de amortización e concesión de importes elevados.
O novo catálogo, que agora é máis amplo e próximo ás necesidades do colectivo, permite dar resposta ás oscilacións de combustible, grazas ás coberturas de gasoil. As peticións das confrarías tamén permitiron incluír unha oferta personalizada en seguros, que protexe as continxencias máis relevantes para pescadores e armadores.
A oferta sectorial contempla novas condicións e posibilidades para produtos de financiamento xa coñecidos como a póliza de crédito para o sector pesqueiro (con anticipo para paros biolóxicos), préstamo persoal, desconto comercial, confirming, liñas de comercio exterior, leasing mobiliario, avais, anticipos a subvencións ou pagamento de impostos e financiamento oficial a través do Igape e ICO.
O convenio renovado tamén medra en número de beneficiarios, xa que este ano a oferta faise extensible tamén aos traballadores das confrarías e non só aos pósitos e empresas do mar como ata agora.
A firma do convenio estivo precedida dunha mesa redonda na que os representantes de ABANCA e das confrarías debateron sobre os principais retos e oportunidades do sector. A entidade financeira mantén a través da súa unidade especializada ABANCA Mar un compromiso total co mundo do mar en Galicia e colabora activamente cos principais eventos e cos seus axentes máis destacados: desde armadores ata pescadores, pasando polos grupos de acción local (GALP).