ABANCA dedica ao mar e a pesca o primeiro dos seus Encontros Dixitais para Empresas
- Participaron no evento o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, o director xerente de Europêche, Daniel Voces de Onaindi, e a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da UE, Elisa Roller
- O banco con sede en Galicia celebrará durante os próximos meses novos eventos dirixidos a ofrecer aos empresarios de diferentes sectores información de valor sobre asuntos relacionados coa súa actividade
ABANCA celebrou hoxe o primeiro evento da serie denominada ‘Encontros Dixitais ABANCA Empresas’, que o banco con sede en Galicia celebrará en sucesivas citas ao longo dos próximos meses como parte das actividades do Observatorio ABANCA by IESIDE.
Esta iniciativa ten por obxectivo ofrecer aos empresarios de diferentes sectores información de valor sobre temas de actualidade relacionados coa súa actividade, todo iso desde unha perspectiva de elevada especialización e nun formato dixital compatible coas pautas de seguridade sanitaria de cada momento.
O primeiro destes eventos estivo dedicado ao sector do mar e a pesca, e contou coa participación do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas. “Quixemos que este primeiro Encontro Dixital ABANCA Empresas estivera dedicado ao complexo do mar, a pesca e toda a súa cadea de valor polo seu papel esencial na economía de Galicia”, explicou Francisco Botas.
Na súa intervención de apertura, o conselleiro delegado de ABANCA destacou así mesmo o carácter “pioneiro e exclusivo na banca española” de ABANCA Mar, división especializada a través da cal a entidade presta servizo a máis de 10.000 clientes de toda a cadea de valor do mar e xestiona un negocio de 2.200 millóns de euros. Dous terzos deste volume corresponden a financiamento, “un eixo prioritario para ABANCA”, sinalou o seu conselleiro delegado. “Nos seis primeiros meses do ano, o novo financiamento de ABANCA Mar ao complexo marítimo-pesqueiro superou as 1.600 operacións”, anunciou Francisco Botas.
Contenidos e conferenciantes
Baixo o título de ‘O futuro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e os instrumentos de financiamento para 2020’, o evento celebrado hoxe analizou o sector marítimo-pesqueiro, a súa importancia económica e social, a súa evolución cara a un modelo máis sostible desde os puntos de vista económico, social e ambiental, e a futura orientación das axudas públicas comunitarias.
Conducido por Javier Fraga, director de ABANCA Mar, o evento contou coas intervencións da directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Unión Europea, Elisa Roller, e do director xerente de Europêche (Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da UE), Daniel Voces de Onaindi.
Na súa intervención, a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Unión Europea presentou as grandes liñas do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os próximos anos, actualmente en período de definición. Como grandes obxectivos da política pesqueira europea, Roller destacou, entre outras cuestións, a sostibilidade e conservación dos recursos biolóxicos mariños, a seguridade alimentaria mediante a acuicultura, a competitividade dos mercados, a prosperidade das comunidades costeiras, e o reforzo da gobernanza dos océanos. A directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Unión Europea salientou a actual evolución do sector pesqueiro cara a un modelo máis sostible tanto en termos económicos como ambientais, e sinalou como prioridades para o investimento público comunitaria asuntos como “a seguridade e hixiene a bordo das embarcacións, a eficiencia enerxética, o relevo xeracional, ou a incorporación da muller á actividade pesqueira”. “A estratexia da Unión Europea, xa sexa a través da Política Pesqueira Común, o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ou o Green Deal, está dirixida a asegurar un futuro sostible dos mares e da actividade pesqueira”, resumiu.
Pola súa banda, Daniel Voces de Onaindi puxo de relevancia a importancia do sector pesqueiro europeo, tanto en termos económicos como no seu papel de provedor sostible de alimentos de calidade para a poboación, e defendeu a conveniencia de apoiar ao sector a través dos fondos públicos para garantir a súa sostibilidade. Respecto ao futuro do Fondo Europeo de Pesca, resumiu as demandas do sector no aumento da dotación orzamentaria, unha maior axilidade na execución, a simplificación burocrática, o fomento da colaboración entre a comunidade científica e o sector, a facilidade de acceso aos instrumentos financeiros con apoio das institucións, o reforzo dos plans de produción e comercialización, o apoio ás medidas de paralización, e o estímulo á modernización da frota pesqueira. Tamén mencionou a necesidade de seguir mellorando as condicións de traballo no sector, avanzar na incorporación da muller, promover o relevo xeracional, e realizar novas campañas para fomentar o consumo de peixe que revertan a súa actual tendencia á baixa.