ABANCA doa un millón de euros e abre unha liña de apoio de 150 millóns para as zonas afectadas polos incendios
- A entidade habilita a súa conta solidaria para recibir e xestionar doazóns

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA doou un millón de euros como axuda inmediata para emerxencias e primeiras necesidades das zonas afectadas polos recentes incendios forestais. Ademais, a entidade abriu unha liña de apoio de 150 millóns para a recuperación ambiental, social e económica das áreas danadas.
A entidade mostra con esta decisión o seu firme apoio ás persoas e aos sectores damnificados polo lume.
As liñas de financiamento para familias van dirixidas á rehabilitación de vivendas, substitución ou reparación de vehículos e maquinaria agrícola. As liñas de apoio a titulares de actividades económicas, canalízanse a través da división ABANCA Agro, e diríxense aos sectores máis impactados (forestal, vitivinícola, agricultores e gandeiros). É un financiamento a curto, medio e longo prazo destinado a restablecer canto antes a actividade. Tanto as familias como as empresas afectadas terán acceso a anticipos de indemnizacións de seguros e outras axudas públicas.
A tramitación dos fondos, tanto os xa achegados como as futuras contribucións, realizarase con axilidade e flexibilidade, priorizando a resolución das necesidades máis urxentes.
ABANCA habilitou a súa conta solidaria ES80 2080 7208 3385 3000 7122 para todas aquelas persoas ou entidades que desexen facer donativos.
Estes recursos serán xestionados co máximo rigor, contando co asesoramento de expertos en situacións similares, e seguindo o modelo doutras accións solidarias emprendidas pola entidade.
Como complemento a estas iniciativas e desde o principio dos sinistros, ABANCA puxo ao dispor dos damnificados plans de apoio de ABANCA Agro, así como do equipo de ABANCA Seguros, coa colaboración activa da súa obra social, Afundación, nas liñas de apoio, recuperación e de seguimento social, ambiental e humano.