ABANCA e a Asociación Galega da Empresa Familiar asinan un convenio de apoio aos emprendedores
- ABANCA impulsará a acción formativa e divulgativa da Asociación
- A colaboración reforza a aposta conxunta polo tecido produtivo galego
ABANCA e a Asociación Galega da Empresa Familiar asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diversos proxectos conxuntos. A rúbrica tivo lugar esta mañá na sede da entidade financeira na Coruña e contou coa participación do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas Ratera, do vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e do presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Emilio Pérez Nieto.
O banco con sede en Galicia colaborará coa asociación empresarial e potenciará o seu programa formativo e divulgativo. Esta labor céntrase na organización periódica de seminarios e conferencias a cargo de profesionais de referencia nos principais problemas que deben afrontar este tipo de empresas.
As temáticas que habitualmente tratan estas accións formativas e divulgativas poñen a atención en aspectos concretos como a mellora e profesionalización da xestión, a planificación ordenada da sucesión ou o reto do crecemento, expansión e diversificación.
Ademais, apoiarase a prestación de asesoramento personalizado aos socios, axudándoos a afrontar os retos da xestión das súas empresas. A Asociación Galega da Empresa Familiar cumpre tamén co obxectivo de canalizar as principais preocupacións que involucran a este tipo de organizacións e transmitírllelas ás administracións.
Apoio ás empresas
ABANCAintensificou nos últimos meses o seu apoio ao tecido produtivo da comunidade a través de diversas iniciativas. Por un lado, conta cunha división específica para pemes, diversas oficinas de empresas e xestores peme en todas as direccións de zona. Por outro, mantén un catálogo especializado de produtos, adaptados ás necesidades dos empresarios.
O banco tamén iniciou nos últimos meses programas como +NegocioPCA, que reforza o seu apoio a pemes, comercios e autónomos; e impulsou o traballo conxunto con decenas de asociacións a través da firma de convenios financeiros. O Plan Activamos, lanzando xunto ás catro deputacións galegas, tamén facilitou o crédito a numerosas corporacións.