ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui doan máis de 5.000 quilos de comida ao Banco de Alimentos de Vigo
- As entidades lanzaron unha nova campaña conxunta para recoller produtos de primeira necesidade para familias desfavorecidas
- Clientes, empregados e colaboradores puideron participar nesta iniciativa solidaria desenvolvida entre o 28 de maio e o 15 de xuño en once oficinas do sur de Pontevedra
ABANCA, a Cámara de Comercio de Tui e o Banco de Alimentos de Vigo presentaron hoxe os resultados da campaña solidaria de recadación de fondos promovida conxuntamente pola entidade financeira e a organización cameral. Grazas a esta acción o Banco de Alimentos poderá entregar máis 5.000 quilos de comida a familias sen recursos.
Os alimentos, produtos básicos non perecedoiros, foron adquiridos cos donativos reunidos entre o 28 de maio e o 15 de xuño en once oficinas da entidade financeira no sur da provincia de Pontevedra. En concreto, a campaña desenvolveuse nas sucursais de ABANCA situadas nos municipios de Tui, O Porriño, Salceda, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, todas elas dentro da área de influencia da Cámara de Comercio de Tui.
Os clientes, empregados e colaboradores puideron doar ‘cestas’ solidarias con diferentes produtos a favor do Banco de Alimentos de Vigo a través de achegas económicas de 10, 20 ou 25 euros na conta que a asociación benéfica ten aberta en ABANCA. Ademais, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo instalou varias caixas nas empresas da demarcación da Cámara de Comercio de Tui co fin de que os traballadores puidesen doar produtos de primeira necesidade.
A campaña permitiu reunir bricks de leite, botellas de aceite, alimentos infantís, paquetes de pasta, arroz ou legumes, botes de conservas de peixe e vexetais, entre outros artigos. Igualmente, as empresas participantes realizaron importantes achegas económicas en favor do Banco de Alimentos.
O acto, celebrado na sede institucional de ABANCA en Vigo, contou coa asistencia do presidente e vicepresidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira e Iván Martínez, respectivamente; o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso; o director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez; así como dos representantes dalgunhas das asociacións, empresas e ONGs que participaron nesta acción solidaria.
Este ano, por primeira vez, súmanse á campaña a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (AcuBam) que integra a produtores de planta ornamental e doutros cultivos de froita, flor e hortalizas; a subministradores e industria agroalimentaria en xeral; e Clúster do Granito, constituído polas empresas pertencentes ás distintas asociacións do sector da pedra natural: extractores, transformadores e fabricantes de maquinaria, todos eles pertencentes a este sector estratéxico da demarcación cameral.
Banco de Alimentos de Vigo
O Banco de Alimentos de Vigo, creado en 1995, axuda na actualidade a unhas 150 entidades, asociacións e ONGs da provincia de Pontevedra -incluída a súa colaboración directa con SOS Baixo Miño-, a través das cales reparte comida a unhas 25.000 persoas con dificultades. Durante 2017, a ONG repartiu preto de 1,9 millóns de quilos de comida. Esta entidade sen ánimo de lucro dedica os seus esforzos a facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.
Esta iniciativa enmárcase dentro da política de responsabilidade social corporativa de ABANCA. A entidade financeira pretende mostrar o seu compromiso e dar resposta aos principais problemas da nosa contorna, entre os que figura a loita contra a exclusión social.