ABANCA e a CEG mobilizan 650 millóns para mellorar a competitividade das empresas galegas
- O acordo permite activar unha liña de financiamento multidestino con solucións a medida para abordar retos como a transición enerxética, a adopción da intelixencia artificial ou a mellora dos procesos
- As dúas entidades prolongan a súa colaboración e organizarán conxuntamente encontros empresariais que contribúan co progreso de Galicia

De esquerda a dereita na imaxe, o director xeneral Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) dan un novo paso no seu compromiso conxunto coa actividade empresarial da comunidade. E fano coa firma dun convenio de colaboración que busca dar respostas aos principais desafíos de empresas, pemes e autónomos a través dunha liña de crédito extraordinario de ata 650 millóns de euros.
O novo texto foi rubricado esta mañá na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago e participaron o director xeneral Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. Tras a firma, os dous representantes pulsaron a actualidade das empresas galegas e acordaron abordar os novos desafíos do colectivo.
As empresas asociadas á CEG poderán acceder a esta liña de financiamento multidestino en condicións preferentes. Esta proposta extraordinaria de crédito pretende acompañar ás necesidades do segmento e financiar os investimentos necesarios para abordar os seus principais retos. O banco e a confederación identificaron entre os posibles destinos a adopción de enerxías máis sostibles, o impulso á internacionalización, a integración da intelixencia artificial, a implantación de procesos automatizados e robotizados ou a mellora competitiva en xeral.
Todo este investimento crediticio será canalizado a través da oferta de produtos e servizos do banco, que inclúe solucións adaptadas ás necesidades das empresas. Para iso, o banco conta con xestores altamente cualificados para atender as necesidades de empresas, pemes e autónomos e coa rede de oficinas máis capilar de Galicia, onde ademais é a única entidade en 175 concellos.
“ABANCA é un aliado para as empresas que queren poñer en marcha os seus proxectos. Na última década, o 70% das concesións de crédito do banco foron a empresas, cun incremento do 6% fronte ao sector, que reduciu o financiamento nun 5%. Lonxe de esgotarse este esforzo, no primeiros seis meses de 2025 formalizamos novas operacións de financiamento con empresas por importe de 7.314 millóns de euros, máis do dobre que no mesmo período do ano anterior. Un total de 15.000 pemes e autónomos recibiron financiamento para desenvolver o seu negocio. Este acordo coa CEG, sen dúbida, vai axudar a poñer todo o noso coñecemento ao servizo das empresas galegas”, explica Gabriel González Eiroa, director xeneral Comercial de ABANCA.
Pola súa banda, Juan Manuel Vieites insistiu en que “este convenio é unha excelente oportunidade para as empresas galegas interesadas en adoptar tecnoloxías renovables e eficientes. Facilita o acceso ao crédito, permitindo a implementación de proxectos que reducen custos operativos a longo prazo e melloran a sostibilidade ambiental. ABANCA demostra con este acordo o seu compromiso coa transición cara a unha economía máis verde ao apoiar financeiramente iniciativas que promoven enerxías limpas, intelixencia artificial e procesos innovadores. Ademais, as empresas que participen poden reforzar a súa imaxe pública, demostrando responsabilidade ambiental e a súa implicación na loita contra o cambio climático. Este tipo de convenios, que amplían e consolidan a relación histórica entre ABANCA e a CEG, fomentan a innovación no tecido empresarial galego e serven de referencia para outras entidades. Con esta colaboración, xérase un impacto positivo que transcende o económico e alcanza a toda a sociedade galega.”
A firma deste acordo tamén permitiu estreitar a colaboración das dúas entidades en materia de formación e divulgación. Para iso, ABANCA e a CEG fíxanse como obxectivo desenvolver un calendario de eventos comprometidos co progreso de Galicia e que estean abertos á sociedade. A falta de pechar o calendario completo, colaborarán en encontros empresariais, xornadas, seminarios, premios ou coloquios, entre outros, con temáticas tan diversas como a economía, a sostibilidade, a intelixencia artificial ou o desenvolvemento de infraestruturas, entre outros.