ABANCA e a Deputación de Lugo destinarán 37 millóns máis en crédito a pemes e familias a través do Plan Activamos
- Ámbalas entidades renovan o acordo que permitirá inxectar un 20% máis en financiamento en condicións vantaxosas iniciativas orientadas ao desenvolvemento económico e social
- Máis de 1.100 pemes, micropemes e autónomos lucenses beneficiáronse ata a data do programa de financiamento especial, cun importe global de 29,5 millóns
ABANCA e a Deputación de Lugo renovaron hoxe o Plan Activamos, unha iniciativa conxunta a través da cal a entidade financeira destinará nun ano 37 millóns de euros en crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García, foron os encargados de asinar a renovación do plan, que conta cun importe de financiamento un 20% superior ao comprometido no primeiro convenio de colaboración entre ámbalas entidades, subscrito en xullo de 2014.
As liñas de crédito dispoñibles contan cunhas condicións financeiras moi vantaxosas: tipos de xuros por debaixo do mercado –os prezos baixaron con respecto ao primeiro protocolo- e sen bandas de flutuación; cero comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización, e posibilidade de carencia naquellas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
Proxectos financiables
O Plan Activamos financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora energética nos seus negocios e tamén cobre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade o á eficiencia enerxética, e adquisición de vehículos eficientes. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e para necesidades de tesourería.
Trala sinatura do convenio, Darío Campos destacou “a importancia desta colaboración con ABANCA, tendo en conta o peso das pemes e autónomos dentro da nosa provincia, un dos piares indiscutibles da economía, non so en Lugo, senón tamén en Galicia”. Campos Conde valorou que “o caracter social de ABANCA permite ofrecer servizos de calidade aos veciños do rural, en prol da igualdade de oportunidade entre os cidadáns, algo vital para o desenvolvemento da nosa provincia”.
Pola súa banda, Santiago Novoa resaltou o alcance que este programa de apoio financeiro ten no tecido económcio e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está a prestar a Deputación de Lugo. “Esta alianza permítenos impulsar o progreso da provincia cun programa exclusivo, con créditos ‘brandos’ para financiar proxectos relacionados co emprendemento, o investimento empresarial, as novas tecnoloxías ou a eficiencia enerxética”, afirmou o directivo de ABANCA.
Apoio ao tecido empresarial
No marco do Plan Activamos, ABANCA leva formalizadas 1.143 operaciones de financiamento na provincia de Lugo, cun importe global de 34 millóns de euros. Pemes, micropemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios do programa, ao concentraren o 97% das operacións e o 87% do financiamento concedido na provincia. En cifras totais, o Plan Activamos apoiou con crédito a 1.104 pequenas empresas e autónomos, que recibiron no seu conxunto 29,5 millóns de euros.
Os créditos a estes colectivos empresariais destináronse maioritariamente a financiar novos investimentos empresariais e, en menor medida, a atender necesidades de liquidez. O plan tamén favoreceu, a través do financiamento, a posta en marcha de 71 proxectos de emprendedores na provincia. O importe medio do financiamento a pemes e autónomos foi de 29.800 euros.
As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos permitiron xa a inxección de 444.000 euros en Lugo. As familias lucenses aproveitaron as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiaren obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de 16.400 euros.