ABANCA e a Lonja de La Coruña únense para impulsar o financiamento ao sector
- O banco ofrece unha póliza de crédito que permite acompasar os pagos e cobros das mareas, así como cubrir os déficits por ausencia de cota ou paros biolóxicos
- A entidade financeira intensifica o seu apoio o sector do mar coa firma dunha decena de convenios neste ano cos principais produtores, vendedores, armadores e confrarías de Galicia
- O banco conta dende xuño cunha unidade especializada para o sector primario, ABANCA Agro e Mar, cunha rede de 244 oficinas e 600 xestores
ABANCA e Lonja de la Coruña, S.A. reforzaron a súa colaboración coa rúbrica dun convenio financeiro. Grazas a este texto, estes profesionais accederán á oferta económica para o sector pesqueiro lanzada polo banco con sede en Galicia.
Na firma, que tivo lugar na Coruña esta mañá, participaron o director territorial de ABANCA na Coruña, Gerardo Fuertes, e o presidente da lonxa, Severino Ares. O acto contou coa presenza do director de ABANCA Agro e Mar, Jesús Combarro.
O apoio do banco céntrase en ofrecer un amplo catálogo de financiamento adaptado ás necesidades deste colectivo. Ofrécense fórmulas con condicións especiais para dar resposta a algunhas das problemáticas do sector. Entre os principais produtos destacan unha conta de crédito que poida chegar a un prazo máximo de cinco anos e que permite acompasar os pagamentos e os cobros das mareas, así como cubrir os déficits de tesouraría que provocan os amarres por ausencia de cota ou os paros biolóxicos que afectan ao sector. A entidade tamén pon á súa disposición a posibilidade de anticipar subvencións e impostos para atender á operatoria das empresas pesqueiras.
O texto firmado inclúe liñas de desconto para anticipar pagarés da lonxa, así como unha liña de comercio exterior que suple as necesidades de crédito que deben atender as embarcacións que faenan noutros países. ABANCA ofrece financiamento con garantía persoal que se pode estender ata 12 anos sen comisións ou gastos e que complementa as liñas específicas dos convenios oficiais do ICO ou Igape, que tamén teñen cabida neste convenio. Por último, tamén pon a disposición destes clientes o Plan Activamos, recentemente renovado coa Deputación da Coruña.
Unha aposta pola sostibilidade social e económica
ABANCA amosou neste último ano a súa aposta polo sector primario, e máis concretamente polo mundo do mar. O banco con sede en Galicia firmou unha decena de acordos con entidades relacionadas con este sector, entre os que destacan os principais armadores, confrarías, produtores ou vendedores de Galicia. A maior parte destes acordos alcanzáronse por primeira vez neste exercicio e está previsto seguir renovando nos próximos meses outros convenios subscritos anteriormente.
ABANCA dá resposta a este colectivo grazas a unha rede comercial con presenza na inmensa maioría das localidades costeiras de Galicia e a posta en marcha o pasado mes de xuño da división ABANCA Agro e Mar. Esta unidade especializada do banco conta cun equipo de 600 xestores en 244 oficinas que recollen as principais demandas do sector primario.
ABANCA tamén prestou o seu apoio ao III Congreso de Sostibilidade social e económica do sector pesqueiro, organizado nas instalacións da lonxa o pasado 3 e 4 de novembro. Durante estes dous días a cidade converteuse no epicentro do sector pesqueiro e concitou debates sobre as problemáticas, retos e solucións do sector pesqueiro local e autonómico. Novamente contou cunha importante asistencia de profesionais, científicos e institucións, que debateron sobre cómo conseguir que o sector pesqueiro se manteña como un dos motores de riqueza e emprego na comarca.