ABANCA e Afundación constatan o seu compromiso coa sostibilidade coa celebración do Mes do Medio Ambiente
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, foron quen de desenvolver unha maneira de xestión caracterizada pola colocación da sostibilidade no centro da súa acción, fomentando a súa divulgación e a súa aplicación de forma transversal. Así, deixou de ser unha estratexia máis para converterse na maneira de facer habitual da organización. Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), definidos pola Organización das Nacións Unidas, son unha das ferramentas principais que tanto Afundación como ABANCA utilizan para guiar o desenvolvemento estratéxico necesario na consecución dunha sociedade sostible.
A concienciación do impacto do ser humano no medio e a divulgación de prácticas acordes á sostibilidade son algúns dos piares desta forma de xestión. É por iso que, con motivo da celebración dalgunhas das efemérides incluídas no calendario de conmemoracións internacionais da ONU, como o Día Mundial do Medio Ambiente o vindeiro 5 de xuño, o Día Mundial dos Océanos o día 8, e o Día das Xentes do Mar o 25 de xuño, a Obra social de ABANCA impulsará durante todo o próximo mes un completo programa de actividades co obxectivo de promocionar a sostibilidade e colaborar na súa implantación no día a día da sociedade.
Programación de actividades do Mes do Medio Ambiente
A programación comezará con varias accións desenvolvidas baixo o marco do Plan de Conservación Territorial On, PLANCTON, un proxecto cuxo obxectivo principal é o fomento da conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas que se levan a cabo no medio marítimo. Comezarán mañá, 1 de xuño, coa instalación dun contedor para a recollida de residuos mariños no porto de Ferrol, unha iniciativa que conta coa colaboración da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol; e continuarán coa organización de varias xornadas de voluntariado ambiental, a primeira o 13 de xuño, coa participación de persoas socias do Espazo +60 Afundación de Ourense, e a segunda o 17, cunha xornada de limpeza da dársena de Bouzas, en Vigo. Finalmente, as accións de PLANCTON neste Mes do Medio Ambiente finalizarán coa posta en marcha da campaña de boas prácticas para turistas, organizada en colaboración co sector pesqueiro galego.
O Centro Interactivo da Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, situado en Vigo, tamén será protagonista durante o Mes do Medio Ambiente. Para facilitar o acceso a este centro de referencia na divulgación de valores ambientais, celebraranse dous días de portas abertas, o 3 e o 10 de xuño. Ademais, os máis pequenos poderán acudir a un obradoiro de insectos os días 2, 9, 16 e 23 de xuño para poder ver, tocar e aprender sobre o papel fundamental dos insectos nos ecosistemas, e o día 21 de xuño a unha yincana ambiental. Como colofón, Naturnova estreará un novo módulo interactivo sobre o proxecto PLANCTON.
Para favorecer a divulgación e a participación activa, as áreas de Cultura e Educación tamén se sumaron á iniciativa. Unha das propostas é a exposición de rúa «Lume. Imaxes dunha Terra que arde», que se inaugurará en Ourense este venres 2 de xuño. Con imaxes do colectivo Ollo, formado por profesionais da fotografía e do audiovisual, Afundación achega aos espectadores a sensación e a experiencia da poboación que sufriu os incendios forestais e as súas consecuencias.
A segunda proposta será «Plantando árbores con pinceis», unha actividade artística que se realizará no Hospital Materno Infantil da Coruña na que se utilizarán pinturas fotocatalíticas, que teñen a capacidade de absorber os gases contaminantes.
Finalmente, a plataforma de contido audiovisual de Afundación, Afundación TV, ofrecerá unha selección de pezas relacionadas co respecto ao medio, nas que reputados especialistas coma o fotógrafo de natureza Tim Flach, o naturalista Joaquín Araújo ou o divulgador Jacob Petrus ofrecen diferentes e interesantes perspectivas acerca da temática. Tamén se poderá gozar de Mulleres de mar, unha serie de pezas audiovisuais protagonizadas por mulleres cuxo desempeño profesional está relacionado co medio marítimo, ou do concerto da Orquestra da Música da Reciclaxe, realizado en colaboración con Ecoembes.
As propostas anteriores, deseñadas especificamente para a celebración deste mes, imbrican na estratexia global de sostibilidade de ambas as dúas entidades, cuxas accións alcanzan cada un dos seus departamentos e actuacións e esténdense de maneira continua durante todo o ano. Dentro da liña de acción ambiental do seu Plan de Sostibilidade, ABANCA desenvolve diferentes proxectos estratéxicos que teñen como obxectivo reducir a pegada ambiental da súa actividade, principalmente a través da mellora da eficiencia enerxética, a diminución do consumo de recursos, o uso de materiais sostibles e a reciclaxe dos residuos xerados.
Tamén de maneira interna, desde ABANCA levarán a cabo acciones específicas, como o ofrecemento aos profesionais de contedores para a reciclaxe de pequenos electrodomésticos e aparellos eléctricos nas principais sedes corporativas; promoverase o uso do transporte sostible; distribuirase entre as persoas interesadas compost xerado cos residuos orgánicos recolleitos na súa rede de edificios e lembrarase a importancia de buscar unha segunda vida aos obxectos que xa non utilizamos. Por cada participación que se rexistre nestas iniciativas, ABANCA realizará unha doazón ao Grupo Naturalista Hábitat para o desenvolvemento de novos proxectos de conservación da nosa biodiversidade.
Afundación, pola súa banda, mellorou a súa estratexia de eficiencia mediante a implementación da estratexia «Residuo Cero» nos seus edificios, a certificación de consumo de enerxía 100% sostible ou o plan de formación en sostibilidade das persoas que a conforman, o que pon de manifesto o total compromiso e concienciación da organización co medio que habitamos.