ABANCA e Afundación lanzan unha nova convocatoria dos seus programas de educación financeira para escolares
- Durante o curso 2023-2024 desenvolveranse novas edicións de Segura-Mente, ‘A tola aventura do aforro’ e ‘Pon o teu diñeiro a salvo’
- O curso pasado máis de 170.000 estudantes de toda España ampliaron os seus coñecementos financeiros a través destas tres propostas educativas
ABANCA e Afundación van impulsar ao longo do curso escolar que acaba de comezar novas edicións dos seus tres programas de educación financeira en formato dixital: Segura-Mente, ‘A tola aventura do aforro’ e ‘Pon o teu diñeiro a salvo’. As tres propostas teñen como obxectivo promover os coñecementos financeiros e o desenvolvemento de habilidades chave en estudantes de diferentes idades.
O curso pasado máis de 170.000 alumnos e alumnas de toda España melloraron a súa cultura financeira grazas a estas tres innovadoras iniciativas que xa se consolidaron no marco do programa de educación financeira que desenvolven o banco e a súa Obra Social, que inclúe tamén outras actividades presenciais.
Segura-Mente: ‘O Gran Tour’
Segura-Mente, que suma máis de 280.900 participantes desde os seus inicios, reinvéntase na súa sexta edición. Nesta nova convocatoria, os estudantes de 2º e 3º ciclo de Primaria, Secundaria e FP Básica embarcaranse nunha aventura única por todas as Comunidades Autónomas de España, incluíndo Ceuta e Melilla. A experiencia, chamada ‘O Gran Tour’, integra a aprendizaxe financeira con elementos de historia, arte, literatura e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
O programa baséase en metodoloxías innovadoras que involucran activamente ao alumnado no proceso de ensino e aprendizaxe.
As aulas participantes optarán a un gran premio final de ata 2.000 euros para os gañadores nacionais en cada categoría e a diferentes premios mensuais de 200 euros en experiencias.
Terceira edición de ‘A tola aventura do aforro’
Tras o éxito da pasada edición, con case 80.000 estudantes rexistrados e máis de 4.200 partidas xogadas, os nenos e nenas de 1º a 6º de Primaria poderán volver divertirse con este xogo que promove a educación financeira e o consumo responsable dunha maneira colaborativa e divertida.
O proxecto aborda conceptos básicos de educación financeira aliñados coa LOMLOE e axuda aos estudantes de menor idade a distinguir entre necesidades e desexos, fomentando o consumo responsable a través de situacións cotiás e operacións matemáticas.
Ciberseguridade: ‘Pon o teu diñeiro a salvo’
Durante o novo curso escolar desenvolverase tamén unha nova entrega de ‘Pon o teu diñeiro a salvo’, unha proposta que permite traballar co alumnado de 2ª ciclo de ESO e FP Básica e Media temas de educación financeira e ciberseguridade. Os alumnos e alumnas converteranse en axentes especializados en seguridade dixital, e aprenderán a detectar as ameazas e estafas máis comúns da contorna dixital: redes sociais, xogos e apps maliciosas, trading e criptomonedas.
Como novidade, nesta segunda edición poderanse solicitar titorías en liña con asesores pedagóxicos dúas veces ao mes para resolver todas as dúbidas acerca dos materiais.
O curso pasado participaron preto de 20.000 novos estudantes de toda España.
Recursos gratuítos e flexibles
Estes tres programas educativos son gratuítos e ofrecen flexibilidade na súa implementación, ofrecendo materiais e recursos que se adaptan á programación escolar, de acordo co obxectivo de Afundación e ABANCA de fomentar a educación financeira e o desenvolvemento de habilidades esenciais nos estudantes de toda España.
Para ampliar información e rexistrarse para participar pode visitarse a web de cada programa: