ABANCA e Afundación mostran en Lugo a estreita relación entre artistas e cidades
- ‘O artista e a cidade. Visións e realidades’ poderá visitarse ata o 10 de xuño
- A exposición achega ao público 27 obras das coleccións de ABANCA e Afundación
ABANCA e Afundación abren ao público este mércores 22 de marzo na sede de Afundación de Lugo a exposición ‘O artista e a cidade. Visións e realidades’. A mostra reúne 27 obras que forman parte dos fondos artísticos de ambas as dúas entidades que teñen como nexo de unión a referencia a cidades reais, imaxinarias ou soñadas. Entre os artistas seleccionados atópanse os lucenses Tino Grandío, Roberto González ou Caxigueiro, ademais doutras importantes figuras do panorama artístico nacional e internacional.
O título do proxecto inspírase no libro homónimo do filósofo español Eugenio Trías no que o autor pon de manifesto a estreita relación que sempre existiu entre a alma da cidade e os artistas que a habitan. Esta relación pode ser de moi distinto tipo, desde a cidade como musa inspiradora ou como unha presenza que encerra e oprime ao artista nos límites dese espazo real e existencial.
Para esta exposición seleccionáronse óleos, fotografías, gravados, debuxos e esculturas de 24 artistas que forman parte das coleccións de arte de ABANCA e Afundación nas que atopamos urbes que nos levan a reflexionar sobre unha idea de cidade desde distintas ópticas e interpretacións.
A mostra comeza cunha serie de debuxos de Francisco Lloréns que se remontan a 1903 e chega ata a actualidade da man de autores como Elisa Sighicelli, Ana Fernández, Vari Caramés ou Cecilio Chaves.
Máis aló do mero marco cronolóxico, a exposición organízase en función de varios espazos temáticos e diálogos suxeridos entre os diversos artistas. Un bloque está dedicado á imaxe evocadora ou o recordo da viaxe a unha cidade ou un lugar determinado. Neste grupo atopamos os óleos de Lloréns, Vicente Prego ou Xosé María Freixanes, entre outros.
Outro conxunto de obras teñen como protagonista unha visión idealizada da cidade, como a imaxe apocalíptica de Roberto González en ‘Confusión IV’ (2005) ou mesmo as cidades escultóricas de Miquel Navarro e Caxigueiro.
Xunto a este percorrido exponse outro tipo de narración que serve como guía ao espectador: interior-exterior, espazos habitados fronte a espazos nos que a presenza humana é inexistente. Neste bloque expositivo destacan ‘O café Xixón’ (1968) de Tino Grandío, as visións neoiorquinas de Jorge Castelo ou ‘A tentación’ (1998) de Eduardo Úrculo.
‘O artista e a cidade. Visións e realidades’ estará aberta ao público ata o 10 de xuño na sede de Afundación de Lugo en horario de luns a sábado de 18.00 a 21.00 horas.
Programa didáctico
Con motivo desta exposición, ABANCA e Afundación organizaron un amplo programa de actividades con propostas dirixidas tanto a escolares como a público adulto. Para os maiores, realizaranse visitas comentadas á exposición e para os estudantes, haberá diferentes obradoiros deseñados para nenos e nenas desde educación infantil ata mozos e mozas estudantes de bacharelato.