ABANCA e Afundación proporcionarán á Xunta de Galicia equipos de vixilancia aérea antiincendios de última xeración
- Os sistemas escollidos presentáronse nun acto que se celebrou no Parador de Santo Estevo
- Os equipos incorporan tecnoloxía punteira de orixe galega e operarán nas comarcas con maior risco: Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra
- A cesión desta tecnoloxía enmárcase no Plan de Acción contra os incendios
Presentación do prototipo de sistema de vixilancia aérea para a prevención e loita contra incendios forestais.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Representantes de ABANCA, Afundación e Xunta de Galicia durante o acto de presentación en Santo Estevo.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
Detalle do sistema de vixilancia de última xeración presentado hoxe.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e a súa Obra Social presentaron hoxe un prototipo dos sistemas de vixilancia aérea de última xeración que Afundación entregará á Xunta de Galicia, co patrocinio do banco, para complementar os recursos autonómicos de prevención e loita contra incendios forestais. A Obra Social de ABANCA proporcionará tres equipos ao longo de 2026, compostos por un dron e a súa base de operacións, que incorporan tecnoloxía punta de orixe galega e que se utilizarán por primeira vez na defensa do monte en Galicia.
O acto de presentación tivo lugar no Parador de Santo Estevo (Ourense) e incluíu unha simulación de voo para coñecer en detalle o seu funcionamento e as vantaxes técnicas desta solución fronte a outras. O evento contou coa participación do director xeral Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Tamén asistiron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, así como representantes da Deputación de Ourense e un grupo de alcaldes e alcaldesas de municipios pertencentes ás comarcas con maior risco.
O director xeral Comercial de ABANCA afirmou que “o compromiso do banco e Afundación co rural é indiscutible, por iso artellamos con urxencia un plan de axuda que se asenta no coñecemento, a escoita e a proximidade. En base ás necesidades detectadas, estruturamos as nosas accións en tres eixos: apoio económico, restauración ambiental, e prevención e concienciación. A presentación destes equipos de vixilancia tecnoloxicamente avanzados demostra a nosa vontade real de contribuir a evitar novos incendios ou, polo menos, reducir o seu impacto e magnitude”.
A conselleira salientou que estes equipos non só reforzan o sistema de vixilancia fronte os lumes, senón que permiten incorporar “tecnoloxía punteira desenvolvida en Galicia, o que exemplifica a posición da nosa comunidade na vangarda tecnolóxica neste eido”. Ademais, fixo fincapé en que esta nova incorporación servirá para seguir reforzando o dispositivo galego de prevención e loita contra os lumes, que é “dos mellores de Europa”.
Tecnoloxía punta de orixe galega
O sistema de vixilancia avanzado que achegarán ABANCA e Afundación consiste nun hangar robotizado para drons que poden operar 24x7 de xeito totalmente autónomo en remoto. Deseñado polo centro tecnolóxico ITG, a solución denomínase DroneSafeBox e é comercializada pola súa spin-off DroneSolutions.
Considérase tecnoloxía de última xeración no eido da robótica e a intelixencia artificial, e unha das súas principais vantaxes é que permite a execución de voos automáticos de vixilancia de forma autónoma e desatendida, de modo que a intervención humana que requiren é mínima. O dron despega desde o hangar e executa a operación programada, regresando para transmitir a información recopilada, recargar automáticamente as baterías e volver despegar para repetir a mesma misión ou unha nova.
Están equipados con estación meteorolóxica e inclúen soporte técnico especializado, totalmente integrado nos sistemas da Dirección xeral de Defensa do Monte para a prevención de incendios forestais, de modo que complementarán os recursos actuais cos que conta a Consellería do Medio Rural, especialmente naquelas zonas con falta de cobertura para as cámaras de videovixilancia.
Operan cunha estación fixa e situaranse en tres puntos de Galicia con elevado risco de incendios: as comarcas de Valdeorras, Verín e Ribeira Sacra. O emprazamento foi definido en coordinación coa Xunta de Galicia, buscando maximizar a capacidade de prevención nas zonas máis sensibles.
O director xeral do centro tecnolóxico ITG, Carlos Calvo, destacou na presentación “a aposta de ABANCA e Afundación por esta tecnoloxía para a loita contra incendios, que é a máis avanzada en Europa. Despregámola en infraestruturas críticas como refinerías ou zonas portuarias, e agora estamos especialmente satisfeitos de trasladar esa experiencia a un reto compartido por todos: a defensa do monte galego”.
Compromiso coas zonas afectadas
A cesión á Xunta de Galicia destes sistemas de vixilancia é unha das accións postas en marcha polo ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, no marco do seu Plan de Acción contra os incendios, que está articulado ao redor de tres grandes eixos: apoio financeiro a familias, empresas e outros colectivos afectados, restauración ambiental das zonas máis danadas e posta en marcha de medidas de prevención e concienciación.
Neste último bloque o plan conta cunha dotación dun millón de euros para a adquisición de material que contribúa a evitar situacións como as vividas o pasado verán. Ademais da tecnoloxía de vixilancia avanzada presentada hoxe, Afundación achegará, co patrocinio do banco, kits de emerxencia con material de resposta rápida, tanto para os concellos afectados como para os declarados de alto risco.
No ámbito da restauración ambiental, ABANCA e Afundación realizaron ata o momento catro actuacións en diferentes puntos de Galicia (Manzaneda, Parque Natural do Invernadeiro e Vilamartín de Valdeorras) co fin de protexer chans e acuíferos. Nas actividades participaron máis de 250 persoas voluntarias que levaron a cabo fundamentalmente tarefas de mulching ou acolchado con palla para evitar o arrastre das cinzas cara aos leitos dos ríos e mananciais.
O paquete de accións previsto no ámbito económico inclúe unha liña de financiamento de 150 millóns de euros dirixida a familias e empresas, anticipos para as indemnizacións de seguros e outras axudas públicas, axilizar o abono das indemnizacións do seguro aos seus clientes, adiantar as axudas da PAC a tipo 0% e aplicar preautorizados nos casos que proceda.