ABANCA e Afundación renden homenaxe aos artistas da emigración na Coruña
- ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’ reúne 56 obras seleccionadas das coleccións de arte de ABANCA e Afundación
- A exposición estará aberta ao público na sede de Afundación do Cantón Grande ata o 30 de xaneiro
ABANCA e Afundación veñen de inaugurar este xoves 19 de novembro na Coruña a exposición ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’, que nos acerca a arte realizada polos creadores galegos fóra de Galicia, en América e Europa, ao longo de boa parte do século XX.
Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, destacou no acto de inauguración que este é un dos proxectos expositivos que o banco abordou con “maior esforzo e cariño” nos últimos meses. “En ABANCA sentímonos moi próximos a esa gran comunidade que é a Galicia exterior e con esta exposición queremos render unha merecida homenaxe a todos eses valentes galegos e galegas que nun momento determinado, por unha razón ou outra, colleron as súas maletas para buscar un futuro mellor”, sinalou o conselleiro delegado da entidade.
A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 56 obras de 20 artistas fundamentais na historia da arte galega. Todos os cadros seleccionados forman parte dos fondos das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, que recentemente foron declaradas Ben de Interese Cultural.
Francisco Botas destacou tamén na súa intervención que iniciativas como esta exposición “confirman que avanzamos con paso firme nun dos obxectivos que nos marcamos dende o mesmo nacemento de ABANCA: contribuír a difundir e divulgar a cultura galega a todos os niveis”.
‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’ incide na riqueza cultural que supuxo o fenómeno migratorio e a influencia que exerceu esta experiencia vital na evolución artística de cada un dos creadores escollidos.
O percorrido parte dunha das figuras clave na historia da arte galega: Castelao. A presenza da emigración é unha constante na súa obra e serve para dar paso a un segundo núcleo expositivo constituido polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Maruja Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando falamos da arte galega ao outro lado do Atlántico. A través das súas obras podemos observar a evolución da súa produción artística, na que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.
A exposición finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente hacia Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades como Nova York ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora cuxas creacións forman parte da mostra.
Os fondos da Colección de Arte ABANCA poden contemplarse na actualidade en varias exposicións abertas ao público en cidades como Vigo, Ferrol, Lugo ou Madrid. Todas estas accións forman parte dun amplo programa expositivo con vocación de continuidade que responde ao obxectivo do banco de pór a disposición da sociedade o seu extenso patrimonio artístico.
App ‘Colección de arte ABANCA’
O carácter divulgativo desta exposición refórzase coa aplicación de ABANCA “Colección de arte”, dispoñible gratuitamente para dispositivos móbiles Android e iOS.
A app utiliza a tecnoloxía da realidade aumentada e actúa como unha auténtica guía dixital da exposición. Só con enfocar a obra co dispositivo podemos acceder a información adicional tanto da propia obra coma do seu autor, así como identificar outros cadros do mesmo creador que estean presentes na exposición, gardar a imaxe en favoritos ou compartir en redes sociais.
Horario
A exposición estará aberta ao público na sede de Afundación na Coruña (Cantón Grande, 8) ata o 30 de xaneiro de 2016. Poderá visitarse de luns a venres, en horario de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Máis información sobre a colección de arte de ABANCA na web http://coleccion.abanca.com e en http://coleccion.abanca.com/visitavirtual/.
Máis información sobre a colección de arte de Afundación na web: http://coleccion.afundacion.org/