ABANCA e as confrarías da Mariña buscan promover o relevo xeracional e a sostibilidade no sector cun novo acordo
- O banco, a federación provincial e os pósitos de Lugo reimpulsan a súa colaboración e crean solucións a medida para dar resposta aos retos do sector pesqueiro, moi preocupado ante a baixa incorporación de xente nova
- O novo convenio apoia o crecemento e a revitalización sostible dun dos grandes motores económicos da comarca lucense
ABANCA, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e os pósitos da provincia consolidan a súa alianza estratéxica coa renovación do seu xa tradicional acordo de colaboración. Esta actualización, froito dun traballo conxunto co sector, brinda solucións personalizadas para apoiar unha actividade de grande impacto na economía da costa lucense.
A firma do acordo tivo lugar no porto de Burela, coincidindo coa celebración das xornadas técnicas que organiza a Fundación Expomar para abordar os novos retos e dificultades que afronta o sector. O director de zona de ABANCA na Mariña-Terra Chá, Carlos Teijeiro, foi o encargado de asinar o novo texto cos representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e os pósitos de San Juan Bautista de Burela, Santiago Apóstol de Celeiro, Foz, O Vicedo, Ribadeo e San Cibrao. O coordinador de ABANCA Mar en Galicia, Miguel Ríos, estivo tamén presente neste novo encontro.
Mediante estas firmas, as entidades involucradas buscan reforzar o sector pesqueiro galego, con especial énfase en favorecer a súa transformación sostible e a incorporación de xente nova ao mesmo, dous piares cruciais para poder preservar a rica tradición pesqueira e marisqueira da Mariña.
Neste sentido, os acordos — xa en vigor — impulsan a creación de novos proxectos pesqueiros e a mellora competitiva dos existentes. Destacan por incluír unha liña de financiamento deseñado especificamente para mozos pescadores, así como unha ampla gama de solucións financeiras que apoian a sostibilidade do sector, contribuíndo así a acelerar a modernización da frota en Galicia e promovendo o uso de embarcacións máis eficientes e respectuosas co medio ambiente.
Para completar a oferta, ABANCA contempla igualmente outros produtos pensados para dar resposta ás necesidades do día a día das confrarías e os seus membros, como pólizas de crédito que permiten paliar as consecuencias de paros biolóxicos no sector pesqueiro, pero tamén o cesamento ou diminución de actividade marisqueira. Os protocolos asinados garanten así mesmo o acceso a outros produtos en condicións vantaxosas, como préstamos persoais á medida para o sector, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, confirming, avais ou seguros especializados, entre outros.
Este acordo é unha proba máis do sólido compromiso da entidade financeira cun sector especialmente relevante para o norte da provincia de Lugo, como é o mundo do mar. ABANCA pon de novo en valor a experiencia acumulada da súa unidade especializada ABANCA Mar, que aúna desde 2016 unha oferta única con produtos á medida e xestores especializados.