ABANCA e as confrarías da ría de Vigo deseñan unha resposta integral fronte aos retos do sector
- O banco e os pósitos promoven solucións crediticias para afrontar con garantías a campaña de Nadal, unha das épocas clave do ano
- A renovación e da frota e a sostibilidade cobran protagonismo na oferta a medida creada pola entidade para reforzar a competitividade do colectivo
- As confrarías alertan da falta de relevo xeracional e reclaman máis apoio á pesca tradicional e iniciativas para fomentar o consumo de peixe
ABANCA comprométese un ano máis coas necesidades das confrarías da ría de Vigo e reimpulsa a estreita colaboración que mantén cun sector clave na economía da zona. É a conclusión máis importante da reunión celebrada con representantes dos principais pósitos do sur de Galicia na sede institucional do banco en Vigo. O director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o coordinador de ABANCA Mar en Galicia, Miguel Ríos, conduciron unha reunión de traballo na que tamén participaron outros responsables da rede comercial da entidade financeira.
ABANCA e as principais confrarías do sur da provincia escenificaron un ano máis, e xa son oito, unha colaboración que permite aos pósitos e aos seus socios acceder a unha oferta económica e financeira adaptada ás súas necesidades. A poucas semanas dunha das épocas clave do ano, a campaña de Nadal, o banco renova os seus convenios de colaboración e pon a disposición do colectivo unha versión actualizada do seu catálogo para o mundo do mar. A experiencia acumulada pola entidade a través da súa unidade especializada ABANCA Mar e a fluída comunicación co sector serven para deseñar produtos máis adaptados e avanzar en circuítos de concesión de financiamento máis áxiles.
Potenciar as capacidades do sector
O encontro de traballo coas confrarías permitiu coñecer máis as súas necesidades, relacionadas tanto coa actividade cotiá como cos retos transversais do sector. Precisamente a renovación da frota e o fomento da sostibilidade centraron boa parte deste encontro. O banco presentou a súa oferta de crédito adaptada a algúns destes retos, como as hipotecas navais, para facilitar a construción de novas embarcacións ou a renovación das actuais.
Todo isto sen esquecer as novas alternativas a medida de financiamento de circulante, préstamos para financiar a compra de materias primas en campaña, mareas, pagos de gasóleo ou dereitos de pesca; os anticipos de subvencións ou pago de impostos, e tamén outros produtos e servizos como leasing mobiliario, avais ou seguros, entre outros. O banco tamén ofreceu información sobre as opcións de financiamento oficial, a través dos diferentes convenios asinados co ICO, o Igape e as SGR galegas.
As confrarías aproveitaron o encontro para alertar da falta de relevo xeracional e reclamaron máis apoios para a pesca tradicional e para a posta en marcha de iniciativas que sirvan para impulsar o consumo de peixe, profundamente afectado polo escenario económico actual.