ABANCA e Cepesca renovan o seu convenio de colaboración centrado na sostibilidade e a transformación verde do sector pesqueiro
- O acordo permite ofrecer ao sector pesqueiro asesoramento, produtos e servizos financeiros personalizados
- O banco pon en valor a súa unidade especializada ABANCA Mar como resposta aos retos e desafíos do segmento
ABANCA e a Confederación Española de Pesca (Cepesca) renovaron por un ano máis o convenio de colaboración que ambas as organizacións manteñen desde 2019 para ofrecer aos asociados da patronal española asesoramento, produtos e servizos financeiros deseñados especificamente para o sector pesqueiro. ABANCA desenvolve este labor a través da súa unidade de negocio ABANCA MAR, especializada no sector pesqueiro e única deste tipo do entorno financeiro español.
Unha das particularidades deste convenio, que desde a súa posta en marcha permitiu financiar numerosas operacións, é a capacidade de ABANCA MAR para adaptar o seu asesoramento e recursos ás circunstancias que orientan as necesidades do sector en cada momento.
Así, a renovación deste ano contempla a transformación verde do sector e o apoio ás iniciativas relacionadas coa sostibilidade e os criterios ESG como un dos puntos fundamentais a desenvolver. Ambas as entidades coincidiron na necesidade de deseñar produtos á medida destinados a facer cumprir o Pacto Verde Europeo no sector pesqueiro. Baixo este mesmo prisma, a renovación do convenio seguirá apoiando a renovación e remotorización da frota, facendo especial fincapé nos proxectos de mellora da eficiencia e redución de emisións dos buques.
O acordo de renovación foi asinado na sede corporativa de ABANCA en Madrid por Javier Garat, secretario xeral de Cepesca, e por Víctor Casal Antón, director executivo de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de ABANCA. No encontro tamén estivo presente o director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
Novas xeracións de pescadores
Como ocorreu na anterior renovación, nesta nova o convenio contempla manter unha liña de colaboración financeira con condicións específicas dirixida a mozos armadores. Con isto, ambas as organizacións pretenden fomentar o relevo xeracional, un aspecto crítico para o futuro do sector. Tamén se buscarán fórmulas de financiamento para paliar situacións de peche temporal de caladoiros ou paralizacións biolóxicas, así como facilitar a mobilización de fondos do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura). Tamén se fará fincapé en satisfacer as necesidades de problemas transversais, como o aumento dos custos pola inflación.
Así mesmo, o convenio pon unha especial atención á colaboración para o financiamento de diferentes Organizacións de Productores Pesqueiros (OPP). Neste sentido, ABANCA destaca o seu apoio a Pesca España, Asociación de Entidades Pesqueiras (AOP), creada hai un ano e coa que a entidade prevé enriquecer as súas vías de colaboración.
Finalmente, como vén sendo habitual dende 2019, ABANCA e Cepesca seguirán desenvolvendo accións conxuntas para promover a concienciación ambiental, como a retirada de residuos do medio mariño e dar visibilidade aos retos e desafíos do sector. A isto sumarase a celebración de diferentes xornadas e actos relacionados co eido pesqueiro.
Segundo Javier Garat,“ABANCA é un socio financeiro fiable e capaz de comprender o noso entorno e peculiaridades e precisamente este coñecemento é o que impulsa e reforza unha colaboración que comezou en 2019. O sector pesqueiro, como o mar no que traballa –engade Garat–, require unha enorme flexibilidade e capacidade de adaptación a cambios, ás veces radicais, como o aumento dos custos de explotación ou as consecuencias dos cambios na lexislación europea. Con ABANCA –Javier Garat remata dicindo–, temos esa flexibilidade e adaptación, traducida en aspectos financeiros”.
Pola súa banda, Víctor Casal subliñou que “a colaboración que mantemos con Cepesca é clave para seguir impulsando un sector estratéxico para o banco, que materializamos a través da nosa unidade especializada ABANCA Mar. O banco comprométese cos seus seus retos e desafíos, comúns aos do resto da economía, pero tamén moi específicos. A aposta pola sostibilidade, o relevo xeracional ou as novas directrices comunitarias marcarán as axendas dos próximos anos e é importante apostar por socios fiables”.
Sobre Cepesca
Cepesca é a organización empresarial nacional máis representativa da Unión Europea e agrupa a 41 asociacións de armadores con 867 buques pesqueiros, tanto de baixura como de altura, con preto de 10.000 tripulantes e unha tonelaxe de 199.409 GT. Entre os seus obxectivos, a Confederación busca mellorar a competitividade das empresas pesqueiras, apostar pola formación dos tripulantes e o relevo xeracional, promover o desenvolvemento dunha pesca responsable e sostible e loitar contra a pesca ilegal. Para saber máis, visita www.cepesca.es
Sobre ABANCA
ABANCA é unha entidade financeira cunha importante presenza en moitos dos territorios onde o sector pesqueiro é relevante. A través da súa unidade especializada ABANCA Mar, creada en 2016, ofrece unha proposta de valor única no sector na que combina un amplo coñecemento, unha atención especializada a través de xestores altamente formados e un catálogo de produtos adaptado ás súas necesidades.