ABANCA e o Máster en Ciencias Actuariais e Financeiras da ULE organizan o III Seminario MUCAF-ABANCA
- A actividade inclúe catro sesións nas que se abordará a realidade da profesión actuarial e financeira na empresa privada, así como outros temas de actualidade no ámbito económico
- As xornadas serán gratuítas e terán lugar entre o 12 de maio e o 2 de xuño
ABANCA e o Máster Universitario en Ciencias Actuariais e Financeiras da Universidade de León (MUCAF) colaboran por terceira vez para enriquecer a formación que recibe o alumnado da Universidad de León que cursa esta titulación. O III Seminario MUCAF-ABANCA, codirixido pola coordinadora do MUCAF, Carmen González Velasco, e o director territorial de ABANCA en Castilla y León e Asturias, Marcos Lamas Seoane, desenvolverase en formato videoconferencia entre os días 12 de maio e o 2 de xuño.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, a actividade inclúe catro sesións formativas nas que profesionais de ABANCA con ampla experiencia achegarán a estudantes, profesionais e docentes a realidade da profesión actuarial e financeira na contorna empresarial, así como outros temas de máxima actualidade do ámbito económico.
A primeira xornada será o xoves 12 de maio, ás 17.00 horas, e estará centrada na previsión social complementaria de empresas e institucións públicas. Jesús De Juana de la Salud, especialista en Deseño e Desenvolvemento de Produto de ABANCA Seguros, será o encargado de impartir o relatorio.
O día 19 de maio, ás 17.00 horas, terá lugar a segunda sesión, a cargo de Raúl Mateos Pedraz e Carina Filipa Panoias, actuarios de ABANCA Vida y Pensiones, que abordarán a análise e a avaliación de riscos para empresas.
O terceiro relatorio está prevista para o 26 de maio, ás 17.00 horas. María García Cabeza, coordinadora de Sostibilidade de ABANCA, e Pablo Monjardín Galán, xerente de Asset Management do banco, falarán aos asistentes sobre sostibilidade e finanzas.
O seminario finalizará o 2 de xuño, ás 17.00 horas, cun relatorio de Mónica Gondar Álvarez, directora de Negocio Next Generation en ABANCA, sobre a gran oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para a nosa economía.
Inscrición
Poderán asistir ao seminario os alumnos e alumnas dos másteres en Ciencias Actuariais e Financeiras e doutras titulacións das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, así como profesores e investigadores vinculados a estas áreas de coñecemento.
A convocatoria está aberta tamén aos membros dos colexios profesionais de actuarios, como o Instituto de Actuarios Españoles, economistas, titulados mercantís e empresariais e mediadores de seguros, así como a outros profesionais que poidan estar interesados en ampliar ou actualizar os seus coñecementos sobre as ciencias actuariais e financeiras na contorna empresarial.
As persoas que desexen inscribirse poden facelo ata o mércores 11 de maio, ás 14.00 horas, enviando un correo electrónico á coordinadora do MUCAF, Carmen González Velasco, cuxa dirección é carmen.gvelasco@unileon.es. Unha vez solicitada a inscrición, que será gratuíta, recibirán con antelación nos seus correos electrónicos as invitacións correspondentes para acceder a cada unha das sesións en liña a través de Google Meet.
ABANCA, comprometida coa educación
A colaboración de ABANCA co Máster en Ciencias Actuariais e Financeiras da Universidad de León enmárcase no compromiso do banco por ofrecer propostas formativas de calidade que poidan complementar a formación que reciben tanto os escolares como os estudantes universitarios ao longo da súa vida académica, de modo que poidan dispoñer de todos os recursos necesarios para desenvolverse persoal e profesionalmente.
En concreto, o banco realizou unha forte aposta pola educación financeira e desde 2015 leva a cabo un amplo programa de actividades que buscan mellorar os coñecementos e as habilidades financeiras da poboación desde idades temperás. Cada ano benefícianse deste programa máis de 100.000 persoas.