ABANCA e o Máster Universitario en Ciencias Actuariais e Financeiras da ULE organizan o IV Seminario MUCAF-ABANCA
- A actividade inclúe catro sesións nas que se abordará a realidade da profesión actuarial e financeira na empresa privada, así como outros temas de actualidade no ámbito económico
- As xornadas serán gratuítas e terán lugar entre o 27 de abril e o 18 de maio
ABANCA e o Máster Universitario en Ciencias Actuariais e Financeiras da Universidade de León (MUCAF) colaboran por cuarto ano para enriquecer a formación que recibe o alumnado da Universidade de León que cursa esta titulación e tamén para actualizar os coñecementos dos profesionais e persoas interesadas nos temas que se abordarán no seminario.
O IV Seminario MUCAF-ABANCA, codirixido pola coordinadora do MUCAF, Carmen González Velasco, e o director territorial de ABANCA en Castela e León, Asturias e Cantabria, Marcos Lambas Seoane, desenvolverase en formato videoconferencia entre os días 27 de abril e 18 de maio.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, a actividade inclúe catro sesións formativas nas que profesionais de ABANCA con ampla experiencia achegarán aos asistentes a realidade da profesión actuarial e financeira na contorna empresarial, así como outros temas de máxima actualidade do ámbito económico.
A primeira sesión será o xoves 27 de abril, ás 17.00 horas, e centrarase nos retos e oportunidades da dixitalización. Francisco Javier Díaz López, xerente de Capacidades Dixitais en ABANCA, será o encargado de impartir o relatorio.
O día 4 de maio, ás 17.00 horas, terá lugar a segunda sesión, a cargo de Catalina Lozano Murcia, actuaria e especialista en función actuarial en ABANCA Seguros, que ofrecerá unha exposición titulada ‘Actuario: unha profesión de presente e futuro’.
O terceiro relatorio está previsto para o 11 de maio, ás 17.00 horas. María García Cabeza, coordinadora de Sostibilidade de ABANCA, e Pablo Monjardín Galán, xerente de Asset Management do banco, falarán aos asistentes sobre ‘Sostibilidade: empresas, mercados e finanzas’.
O seminario finalizará o 18 de maio, ás 17.00 horas, cun relatorio de Jesús De Juana de la Salud, especialista Deseño e Desenvolvemento de Produto en ABANCA Seguros, sobre o reto de futuro que afronta a previsión social.
Inscrición
Poderán asistir ao seminario os alumnos e alumnas dos másteres en Ciencias Actuariais e Financeiras e doutras titulacións das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, así como profesores e investigadores vinculados a estas áreas de coñecemento.
A convocatoria está aberta tamén aos membros dos colexios profesionais de actuarios, como o Instituto de Actuarios Españoles, economistas, titulados mercantís e empresariais e mediadores de seguros, así como a outros profesionais e persoas que poidan estar interesados en ampliar ou actualizar os seus coñecementos sobre as ciencias actuariais e financeiras na contorna empresarial.
As persoas que desexen inscribirse poden facelo ata o martes 25 de abril, ás 14.00 horas, enviando un correo electrónico á coordinadora do MUCAF, Carmen González Velasco, cuxa dirección é carmen.gvelasco@unileon.es. Unha vez solicitada a inscrición, que será gratuíta, recibirán con antelación a cada sesión nos seus correos electrónicos as invitacións correspondentes coas ligazóns de acceso ás sesións en liña, que serán a través de Google Meet.
ABANCA, comprometida coa educación
A colaboración de ABANCA co Máster en Ciencias Actuariais e Financeiras da Universidade de León remóntase ao curso 2016-2017, cando comezou a impartirse esta titulación, e enmárcase no compromiso do banco por ofrecer propostas formativas de calidade que poidan complementar a formación que reciben tanto os escolares como os estudantes universitarios ao longo da súa vida académica, de modo que poidan dispoñer de todos os recursos necesarios para desenvolverse persoal e profesionalmente.
En concreto, o banco realizou unha forte aposta pola educación financeira e desde 2015 leva a cabo un amplo programa de actividades que buscan mellorar os coñecementos e as habilidades financeiras da poboación desde idades temperás. O curso pasado beneficiáronse deste programa máis de 130.000 persoas.