ABANCA expón o seu papel na transformación da economía a través dos fondos Next Generation
- O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, participaron nun evento celebrado na sede de Afundación na Coruña para celebrar o XXXV Aniversario do diario Expansión en Galicia
- Coa presenza de importantes personalidades do mundo da empresa, as administracións públicas e a universidade, o encontro abordou a recuperación económica e os retos da sostibilidade e a dixitalización
A sede de Afundación na Coruña acolleu esta mañá o evento de celebración do XXXV Aniversario de Expansión en Galicia, organizado polo diario económico en colaboración con ABANCA. Xunto ao presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, o encontro contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e de importantes personalidades do mundo económico, das administracións públicas e da universidade.
Na súa intervención de benvida, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, situou a revolución dixital e a sostibilidade como dous asuntos fundamentais no noso tempo e “unha responsabilidade que ninguén pode eludir”. "A irrupción do dixital xerou un debate sobre as secuelas sobre o emprego, pero esta inquietude lexítima é só un capítulo da cuestión, posto que a revolución dixital é moito máis que a robotización duns determinados postos de traballo", defendeu. Na súa opinión, “a pregunta máis estratéxica é se a sociedade española, e de forma particular a sociedade galega, conta cos recursos, especialmente o capital humano, para afrontar esta presente dixital e un futuro máis dixital aínda”, sinalou.
Por iso expuxo a necesidade de que en curto tempo “se multipllique o número de profesionais con competencias para afrontar os parámetros tecnolóxicos e formatos da nova economía”. Con iso avanzaríase cara ao “equilibrio entre a perda e a creación de novos empregos” e abriríase “un campo de oportunidades moi amplo para Galicia”.
O presidente de ABANCA referiuse así mesmo aos vínculos da dixitalización co outro gran tema do presente, a sostibilidade. “Atopámonos cunha dificultade semellante: hai avances, e temos demostracións tanxibles diso, pero son insuficientes. Existen enormes oportunidades e estímulos que non se están aproveitando”, sinalou. Tamén chamou a atención sobre o feito de que “aínda percíbense como dimensións separadas, cando moitos camiños cara á sostibilidade pasan pola transformación dixital”.
Recuperación económica
O evento incluíu unha mesa de debate sobre o papel dos fondos Next Generation como palanca para a reactivación da economía e o emprego. Nela participou o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, xunto a outros altos directivos de empresas de diferentes sectores.
Como fórmula para lograr o éxito na canalización efectiva dos fondos, Francisco Botas avogou por un “bo funcionamento da colaboración entre as entidades financeiras e as empresas”. Neste sentido, destacou “a capacidade das entidades financeiras, demostrada recentemente cos préstamos ICO, para canalizar liquidez ás empresas”. Tamén fixo fincapé na importancia de actuar con axilidade para cumprir os prazos do programa, de potenciar a comunicación e transparencia na xestión dos fondos, e de mobilizar o investimento privado xunto ao público.
O conselleiro delegado expuxo as capacidades específicas coas que conta ABANCA para cumprir a súa función na xestión dos fondos. “Contamos cun amplo coñecemento do tecido empresarial, con máis de 65.000 clientes empresariais, unha ampla traxectoria de desenvolvemento e apoio a proxectos industriais, e experiencia en dixitalización e sostibilidade”, destacou. Así mesmo detallou as tres posibles fórmulas de achega de capital por parte da entidade: anticipación de axudas, coinversión directa e financiamento de proxectos.
Tamén enumerou as accións que ABANCA desenvolveu nos últimos meses, como a creación da unidade especializada Next Generation ABANCA, a participación na constitución de Impulsa Galicia, “un exemplo pioneiro de colaboración público-privada”, o lanzamento dos primeiros produtos financeiros específicos e o establecemento de máis de 100 contactos co tecido empresarial. Para os próximos meses, anunciou a convocatoria de kit dixital a pemes xa presentada polo Ministerio de Economía, o lanzamento de axudas para rehabilitación de vivendas e cambio de frotas de transporte, e o plan de impulso para a sostibilidade e competitividade da agricultura e gandaría. “Estamos moi orientados a traducir os fondos Next Generation aos sectores primario, industrial e de servizos, con especial atención á dixitalización e a sostibilidade”, sintetizou.