ABANCA impulsa a educación financeira de 550 escolares co Gran Prix Financeiro
- O xogo educativo da Obra Social ABANCA visitará as próximas semanas catro centros escolares das provincias da Coruña e Pontevedra.
- A actividade forma parte do programa de educación financeira que desenvolve o banco en colaboración con Afundación desde 2015.
Un total de 550 escolares de catro centros educativos das provincias da Coruña e Pontevedra gozarán as próximas semanas do Gran Prix Financeiro de ABANCA, unha proposta que lles permitirá un primeiro achegamento aos conceptos financeiros dun modo lúdico e divertido.
A actividade, que forma parte do programa de educación financeira que desenvolve o banco en colaboración con Afundación, comezou este martes 22 de maio no CEIP Isaac Díaz Pardo do Burgo (Culleredo). A continuación, o 28 de maio, chegará ao CPR Os Salgueiros de Pontevedra. Xa en xuño, entre os días 11 e 13, está previsto que participen no xogo educativo alumnos e alumnas do CEP de Vetín, en Ames. O CPR Santo Domingo da Coruña, que acollerá a proposta os días 19 e 20 de xuño, pechará a primeira fase deste percorrido polos colexios galegos.
Tras as vacacións escolares, o Gran Prix Financeiro renovará o seu periplo polos centros educativos de Galicia. Está previsto que antes de que finalice este ano máis de 2.000 escolares tivesen o seu primeiro contacto coas finanzas grazas a esta proposta de ABANCA e Afundación.
O Gran Prix Financeiro é un xogo deseñado co obxectivo de mostrar ao público infantil que o diñeiro non aparece por encantamento, a distinguir entre o necesario e o desexado, e que non sempre podemos ter o que queremos. A través de situacións cotiás os participantes aprenden a importancia de xestionar correctamente o diñeiro.
ABANCA apostou desde os inicios do seu programa de educación financeira por formatos innovadores que lle permitan chegar con máis facilidade ao público ao que van dirixidas as accións. No caso dos escolares, ademais do Gran Prix Financeiro, o banco promoveu dúas producións escénicas, ‘De los cuentos a las cuentas’ e ‘Laberinto’, que permitiron empezar a concienciar a miles de nenas e nenos galegos da necesidade de realizar unha xestión adecuada das finanzas persoais e das consecuencias que implican as decisións neste ámbito.
O uso do teatro no ámbito da educación financeira permitiu a ABANCA obter en 2016 o recoñecemento ao mellor proxecto para mozos nos premios á Obra Social e á Educación Financeira que organiza a revista Actualidad Económica en colaboración coa Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA).