ABANCA inaugura en Santiago a exposición ‘A arte de comezar e a arte de rematar’
- A mostra reúne 50 obras da Colección ABANCA de artistas de relevancia internacional como Kandinsky, Picasso, Dalí, Oteiza ou Maruja Mallo
- A proposta inspírase na obra literaria de Italo Calvino e está estruturada en cinco bloques: levidade, rapidez, exactitude, visibilidade e multiplicidade
- A exposición estará aberta ao público no Centro Obra Social ABANCA ata o próximo 29 de outubro
ABANCA presentou no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela a exposición ‘A arte de comezar e a arte de rematar. Obras para o milenio na Colección ABANCA’. A mostra, inspirada na obra literaria de Italio Calvino, reúne 50 obras seleccionadas de 39 artistas de relevancia internacional que forman parte do fondo artístico do banco.
Na presentación da exposición, o director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, sinalou que con este novo proxecto expositivo o banco “quere avanzar na difusión das obras e autores que forman parte da Colección de Arte ABANCA”. “Para nós é unha gran responsabilidade conservar e dar a coñecer este rico patrimonio artístico, por iso dedicamos moito tempo e esforzo a articular propostas que poidan resultar atractivas e estimulantes para o público”, subliñou.
‘A arte de comezar e a arte de rematar' propón unha relectura dos valores literarios que Italo Calvino consideraba que se debían preservar no milenio no que agora nos atopamos: levidade, rapidez, exactitude, visibilidade e multiplicidade. Na mostra, estes cinco conceptos levan a unha dimensión puramente plástica, fundamentalmente no ámbito da pintura e a escultura.
Por exemplo, para o autor italiano, a levidade maniféstase na fraxilidade da Medusa da ‘Metamorfose’ de Ovidio ou na literatura contemporánea de Milan Kundera, e esa levidade albíscase na exposición na pintura de Esteban Vicente ou Sexan Scully. O autor fala de exactitude na poesía de Paul Valéry e na mostra percíbese ese valor nas esculturas de Jorge Oteiza ou Luís Caruncho. A rapidez reflíctese en obras como ‘Las Pipas’, na que Equipo Crónica fálanos do frenético ritmo de vida das cidades, e a visibilidade, no mundo de detalles das pezas de Urbano Lugrís. Por último, atopamos a multiplicidade ao asomarnos a obras como ‘Sen título’ de David Morago, na que podemos ver lombos de libros que levan por título
‘Os teus medos’, ‘A miña ansia’ ou ‘Intencións’, como algúns dos elementos que conforman a existencia do artista e que organiza neste simbólico andel que sería a súa vida. Con este xogo de relacións contémplanse e lense as obras da Colección ABANCA seleccionadas para esta exposición, na que se inclúen artistas como Kandinsky, Picasso, Dalí, Maruja Mallo, Ángelo de Sousa, Washington Barcala, José María de Labra ou Eugenio Fernández Granell, entre outros.
A mostra poderá visitarse no Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela ata o próximo 29 de outubro. Estará aberta ao público de martes a venres de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados e festivos de 11.30 a 13.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Os luns e os domingos permanecerá pechada.