ABANCA incorpora o ‘blockchain’ ás súas oficinas para mellorar a súa eficiencia e sustentabilidade
- A entidade inicia o rexistro de datos do consumo eléctrico e emisións de CO2 dunha das súas sucursais mediante a tecnoloxía dixital de cadea de bloques
- O proxecto permite converter o aforro enerxético nun valor virtual ou ‘token’, que nun futuro poderá xerar novos modelos de negocio
- É o primeiro banco en realizar este tipo de transaccións enerxéticas
ABANCA acaba de poñer en marcha un proxecto de tecnoloxía ‘blockchain’ pioneiro, co obxectivo principal de conseguir unha xestión máis eficiente e sustentable da súa rede de oficinas. Esta iniciativa, baseada na asignación de valor virtual ou ‘tokenización’ de activos enerxéticos, sitúa á entidade financeira galega na vangarda da tecnoloxía financeira de futuro, baseada na cadea de bloques.
O proxecto, denominado ‘ABANCA Ithium’ e desenvolvido en colaboración coas empresas tecnolóxicas GodEnigma e Ecomt, iniciouse nunha oficina de ABANCA na Coruña (Praza de Lugo), un dos espazos de referencia da entidade no ámbito das novas tecnoloxías e xestión eficiente. Instalouse neste centro un nodo de ‘blockchain’ que grava os datos de consumo enerxético e emisións de CO2 nun sistema de base de datos distribuída mediante cadea de bloques, de forma segura, inmutable, certificable e sen intermediarios. Os aforros enerxéticos que se rexistran neste libro contable convértense nun valor virtual ou ‘token’, que permiten a ABANCA asignarlles un valor económico.
ABANCA é a primeira entidade financeira en realizar este tipo de transaccións. Inicialmente, esta ‘tokenización’ de activos enerxéticos será utilizada pola entidade para o seu uso interno. Nunha segunda fase, está previsto estender o desenvolvemento deste proxecto tecnolóxico a outras oficinas da entidade e experimentar coas transaccións xeradas novos modelos de negocio e de financiamento na economía verde e sustentable, como apoio a empresas xeradoras de enerxía renovable ou que impulsan a eficiencia enerxética.
O director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao, afirma que “con este novo proxecto de innovación, damos un paso moi importante no noso obxectivo de ser líderes en sustentabilidade e na implantación real do mecanismo ‘blockchain’ en diferentes áreas do negocio financeiro, aproveitando todas as posibilidades que ofrece o intercambio de activos dixitais de forma segura, certificable e sen intermediarios”.
Innovación tecnolóxica
Para implantar esta iniciativa tecnolóxica pioneira, foi necesario conectar a oficina de ABANCA a un sistema experto de control de instalacións, que está xestionado desde un centro tecnolóxico con procesado da información mediante intelixencia artificial. Ademais, desenvolvéronse e integráronse diferentes tecnoloxías de ‘hardware’ e ‘software’ específicas para monitorar o nodo de ‘ blockchain’ na sucursal e comprobar que as transaccións se escriben correctamente na rede encriptada da cadea de bloques.