ABANCA inicia a ‘Semana grande dos clientes non residentes’ cunha xornada sobre oportunidades de investimento
- O vicepresidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez, foi o encargado de clausurar a xornada
Máis dun centenar de clientes de fóra de Galicia procedentes de oito países de Europa e América (Francia, Reino Unido, Suíza, Arxentina, Estados Unidos, México, Panamá e Venezuela) participaron hoxe nunha xornada celebrada en Santiago sobre fiscalidade e oportunidades de investimento para non residentes, organizada por ABANCA e o Colexio de Economistas de Ourense, e dirixida por Guillermo Díez Iglesias, decano deste órgano profesional.
Esta xornada enmárcase dentro da ‘Semana grande dos clientes non residentes de ABANCA’ coa que a entidade financeira quere mostrar o seu compromiso e apoio a este tipo de clientes de gran relevancia para o banco.
O vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, foi o encargado de clausurar as xornadas convidando a todos os asistentes ao segundo acto que organizará ABANCA esta semana para os clientes non residentes. Trátase da ‘I Romaría ABANCA Interncional’ que se celebrará o vindeiro sábado, 8 de agosto, en Maceda, Ourense. Durante a súa intervención, Escotet destacou o esforzo que está a facer ABANCA para apoiar aos clientes non residentes, un sector estratéxico para a entidade e para Galicia. “Seguiremos centrando os nosos esforzos en clientes como vostedes para que sigan véndonos como a súa entidade de referencia aquí ou cando estean no estranxeiro”, sinalou.
Xornada sobre fiscalidade e oportunidades de investimento
A apertura da xornada correu a cargo de Alberto Cacharrón Mojón, director de negocio de non residentes de ABANCA. A primeira ponencia, ‘Os movementos internacionais de capitais: vehículos, modelos e consecuencias da repatriación de capitais’, foi impartida por Miguel Caamaño Anido, avogado e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade da Coruña.
Sobre a fiscalidade en España para non residentes disertou Jesús Sanmartín Mariñas, economista e presidente do Rexistro de Economistas Asesores Fiscais; en tanto que o presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, deu a coñecer a Oficina de Atracción de Investimentos.
Finalizada a intervención de Pérez Canal abriuse unha mesa de debate moderada por Guillermo Díez, decano do Colexio de Economistas de Ourense, na que participaron Alfonso Caruana Cámara, director xeral de negocio internacional de ABANCA; Angel Pascual Rubín, economista e presidente da Asociación Galega de Administradores Concursais; Miguel Caamaño Anido, avogado e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade da Coruña; e Jesús Sanmartín Mariñas, economista e presidente do Rexistro de Economistas Asesores Fiscais.
Durante o debate suscitáronse cuestións como as posibles condicións de financiamento específico para emigrantes, os sectores económicos máis dinámicos para investir, as cautelas a adoptar antes de investir ou se a normativa fiscal española favorece os investimentos en España, ademais de expor que reformas legais prevén os expertos ou potenciais problemas de financiamento para clientes estranxeiros en España.
Entre os asistentes á xornada estiveron Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA; Pedro López Jácome, conselleiro de ABANCA; Rubén Saavedra, director territorial de ABANCA en Ourense; José Manuel Caneiro González, asesor internacional de ABANCA; Miguel Anxo Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas; José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia; Juan José Santamaría Conde, presidente dos economistas de Pontevedra; Roberto Pereira Costa, presidente do Club Financeiro de Santiago; Agustín Fernández Pérez, membro do Comité Técnico do Rexistro de Economistas Asesores Fiscais, e Jaime Pereira Nóvoa, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense.