ABANCA inicia negociacións en exclusiva con Crédit Mutuel para adquirir Targobank España
- Con esta compra, ABANCA consolidaría a súa presenza na Península Ibérica cun crecemento relevante en Madrid e o arco mediterráneo
- Targobank España ten preto de 150.000 clientes, 51 oficinas e 541 profesionais
- Coa finalización da operación, ABANCA contaría cun volume de negocio de 112.544 millóns e 727 oficinas
- A operación proposta continuará nas próximas semanas de conformidade co previsto na lexislación francesa e espérase perfeccionar en 2023, unha vez pechada a compra
ABANCA e BFCM (Banque Fédérative du Crédit Mutuel) iniciaron negociacións en exclusiva para a compravenda de Targobank España. A operación proposta continuará nas próximas semanas de conformidade co previsto na lexislación francesa e perfeccionarase en 2023, unha vez pechada a compra.
A transacción planteada está suxeita ás condicións habituais, incluído o envío de información e a consulta aos representantes dos traballadores, segundo determina a lexislación francesa; así como á obtención das aprobacións regulamentarias requiridas.
"A compra consolidaría a presenza de ABANCA en toda a Península Ibérica, ao reforzar de forma significativa a nosa actividade no arco mediterráneo, seguindo o noso Plan Estratéxico”, asegura Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA.
A estratexia de negocio de Targobank España coincide coa aposta de ABANCA pola orientación á captación e vinculación dos particulares, así como o apoio ás pequenas e medianas empresas.
Unha vez completado o proceso de compravenda, ABANCA iniciaría o proceso de integración de Targobank España na súa plataforma tecnolóxica. Este proceso permitiría aos clientes de Targobank España beneficiarse das vantaxes completas de pertencer ao Grupo ABANCA. Entre elas destacan unhas maiores capacidades tecnolóxicas, a través dunha banca móbil destacada; atención persoal nunha rede de preto de 700 oficinas en España; especialización en segmentos como familias, banca persoal, privada, seguros, fondos de investimento, medios de pago e consumo; maior diversificación do catálogo de produtos, e presenza internacional en 11 países de Europa e América.
Targobank España dispón duns activos de alta calidade, froito da xestión previa e dun equipo de alta capacidade profesional. ABANCA pretende manter aos profesionais do equipo de Targobank España no novo proxecto, dando continuidade á súa política de sumar o talento e a profesionalidade dos equipos incorporados nas diferentes integracións.
Para Francisco Botas Ratera, conselleiro delegado de ABANCA, “a adquisición de Targobank España fortalecería liñas de negocio estratéxicas para ABANCA, como son o financiamento a familias e empresas, así como a súa vinculación a través de produtos valor como os seguros, medios de pago ou os fondos de investimento. A operación permite avanzar en penetración comercial, en eficiencia e ten un impacto moi reducido en capital”.
Coa integración de Targobank España, ABANCA alcanzaría un volume de negocio de 112.544 millóns de euros, un 5,2% superior ao actual; os préstamos ascenden a 49.219 millóns, un 6,9% máis; os depósitos suman 51.390 millóns, cun incremento do 4,4%, e o número de oficinas chega a 727, un 7,5% máis. O cociente de mora conxunto é do 2,1% e a cobertura do 86%, o que permitirá manter a boa calidade dos activos.
A entidade mantivo unha exitosa estratexia de crecemento orgánico e inorgánico desde a súa creación en 2014. Desde entón, conseguiu duplicar o seu volume de negocio, pasando de 57.469 millóns aos 107.000 millóns actuais (112.544 millóns cando se incorpore Targobank España), e situouse á cabeza do sector por calidade do seu activo. Esta transformación baseouse na excelencia operacional, o desenvolvemento da omnicanalidade e na mellora continua da experiencia de cliente.
Targobank España: negocio e rede complementarios
Targobank España conta con 541 profesionais que prestan servizo a preto de 150.000 clientes a través das 51 oficinas que ten en todo o territorio nacional, especialmente en Cataluña, Madrid, Andalucía e Baleares.
O modelo de negocio de Targobank España está moi centrado en empresas e en financiamento hipotecario. Nos últimos anos experimentou un forte incremento da súa dinámica comercial con crecemento nas liñas de crédito, depósitos e fóra de balance. Targobank España ten un volume de negocio de 5.544 millóns de euros, do que 3.175 son préstamos e 2.369 recursos da clientela.
Sétima operación corporativa desde 2014
ABANCA demostrou o éxito do seu modelo de integración doutras entidades nas operacións corporativas que realizou nos últimos anos. A primeira foi a integración en 2014 do Banco Etcheverría; en 2017 finalizouse a integración de Popular Servicios Financieros; en 2019, ABANCA completou a integración de Deutsche Bank PCB, e en 2020 a de Banco Caixa Geral. En 2021 culminouse a compra de Bankoa e en 2022 a de Novo Banco.
A capacidade tecnolóxica e humana de ABANCA na xestión destes proxectos foi recentemente recoñecida nos Premios CIONET Vocento 2022 co galardón na categoría de Integración.