ABANCA intensifica o seu programa de educación financeira coincidindo coa Global Money Week
- A actividade central será a conferencia ‘Money, money’, o mércores 22, para alumnado de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos
- Persoas voluntarias de ABANCA e Afundación colaboran na novena edición do programa ‘As túas finanzas, o teu futuro’ da AEB e Junior Achievement
- Preto de 6.500 escolares de Educación Primaria asistirán ás representacións da obra de teatro ‘Ciclope’
ABANCA e a súa Obra Social súmanse un ano máis á celebración da Global Money Week, un evento de carácter internacional organizado pola OCDE para concienciar da importancia da educación financeira. A súa undécima edición terá lugar entre o 20 e o 26 de marzo. Durante esa semana, o banco e Afundación reforzarán as actividades do programa de educación financeira que desenvolven ao longo de todo o curso escolar.
Este ano a iniciativa principal será a conferencia para escolares ‘Money, money’, impartida pola coordinadora adxunta da área de Educación Superior de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña Puga. A sesión celebrarase o mércores 22 de marzo, ás 11.30 horas, na Sede Afundación de Vigo. Está dirixida a alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. Tamén poderá seguirse en streaming, previa inscrición dos centros escolares, a través de Afundación TV.
No seu relatorio, a experta abordará a importancia de desenvolver unha conduta financeira responsable, baseada en tres piares fundamentais: a xestión do propio diñeiro, a elección de produtos financeiros e a planificación do futuro.
‘As túas finanzas, o teu futuro’
Ademais, ABANCA e Afundación van participar por oitavo ano consecutivo no programa ‘As túas finanzas, o teu futuro’, promovido pola Asociación Española de Banca co asesoramento pedagóxico de Junior Achievement.
Como é habitual, persoas voluntarias do banco e a súa Obra Social formarán sobre finanzas básicas a mozas de entre 13 e 15 anos.
Durante a próxima semana están previstas 14 sesións desta iniciativa nos seguintes centros educativos: Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio (20 de marzo), Colexio Montespiño de Culleredo (20 de marzo), Escola Rosalía de Castro (20 e 22 de marzo) e Colexio de Fomento Montecastelo (22 de marzo), ambos en Vigo, Compañía de María da Coruña (21 e 22 de marzo) e Colexio Corazón de María de Xixón (24 de marzo).
O obxectivo do programa é que os participantes tomen conciencia da importancia que ten unha boa xestión das finanzas persoais e garantir que estean a adquirir gradualmente os coñecementos, as habilidades e as actitudes necesarias para tomar decisións financeiras sólidas e informadas.
‘Preparados para dar o salto’
Durante a Global Money Week continuarán tamén as conferencias do programa ‘Preparados para dar o salto’, co que ABANCA e Afundación achegan a educación financeira a centros educativos de secundaria. En concreto, están previstas dous relatorios no CIFP Universidade Laboral de Culleredo (21 de marzo) e no CIFP Manuel Antonio de Vigo (23 de marzo).
Alumnado de Educación Primaria
A oferta de actividades para os máis pequenos inclúe dúas actividades: o Gran Prix Financeiro e a representación da obra de teatro ‘Ciclope’.
O Gran Prix Financeiro é un xogo que permite aos escolares de 3º a 6º de Educación Primaria empezar a familiarizarse con conceptos financeiros básicos que serán fundamentais ao longo da súa vida. Durante a próxima semana realizaranse once sesións desta actividade en dous colexios lucenses, o CEP Luís Tobío de Viveiro (20 e 21 de marzo) e o CEIP Plurilingüe Benigno Quiroga Ballesteros (22, 23 e 24 de marzo).
Tamén está dirixida a alumnado de Educación Primaria a obra de teatro de ‘Ciclope’, unha montaxe que forma parte do programa de educación financeira de ABANCA e Afundación cuxa finalidade é que os asistentes poidan comprender desde idades temperás a importancia de realizar unha boa xestión do diñeiro.
A próxima semana están previstas representacións en Pontevedra (20 e 21 de marzo), Lugo (22 de marzo), Ourense (23 de marzo) e Ferrol (24 de marzo), que darán continuidade ás que tiveron lugar esta semana en Santiago, Vigo e A Coruña. En total, asistirán 6.450 nenos e nenas de todas as provincias galegas.