ABANCA mostra en Afundación a maior colección de debuxos de Isidoro Brocos
- A exposición reivindica a figura do mestre de Pablo Picasso na historia da arte galega
- ‘Isidoro Brocos. Escultura e debuxo na Colección ABANCA’ poderá visitarse no Café Moderno Afundación ata o 9 de abril
ABANCA abre ao público este martes 16 de febreiro no Café Moderno Afundación de Pontevedra a exposición ‘Isidoro Brocos. Escultura e debuxo na Colección ABANCA’. O banco atesoura entre os seus fondos artísticos a maior serie de debuxos deste gran artista, de modo que a mostra permítenos realizar un amplo percorrido pola súa traxectoria e coñecer en profundidade o seu proceso creativo e a súa evolución estética.
Isidoro Brocos (Santiago de Compostela, 1841 – A Coruña, 1914) é un exemplo de artista formado na Academia que representa na arte galega un modelo de invidivuo moderno, tanto nos seus ideais como no seu sentimento estético. A súa vida e a súa obra sitúanse nun período de transición á modernidade previo ao Rexurdimento que influíu no escaso recoñecemento que obtivo a súa extensa e brillante obra. Na súa carreira tamén ocupa un lugar especial o feito de ter sido mestre dun novísimo Pablo Picasso durante a súa estancia na Coruña, onde recibiu clases no Instituto Eusebio da Guarda.
Estes dous factores contribuíron a eclipsar o valor da súa propia produción artística, que si foi avalada por distincións como a presenza no Salón de París en 1879, a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid en 1880 e o seu nombramento como Académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e da Real Academia Galega en 1905.
A mostra que se poderá visitar na sede Afundación de Pontevedra ata o 9 de abril busca reivindicar a figura deste gran artista que pode ser considerado o mellor escultor gallego do último terzo do século XIX.
Brocos na Colección ABANCA
A exposición reune en total 67 obras da Colección de Arte ABANCA entre esculturas, debuxos e cadernos de debuxos, que se organizaron en seccións temáticas que nos descobren os seus apuntamentos de academia, o historicismo, a mitoloxía, a relixiosidade e as creacións que se enmarcan no rexionalismo, como as coñecidas esculturas Xastre de Aldea (1878) e Aquí, aquí,-La pulga- (1880).
Tamén destacan na exposición os tres cadernos de viaxes de Brocos, unha serie de apuntamentos do natural que o artista tiña por costume realizar nas súas saídas, anotando todas as escenas que espertaban o seu interese. Co fin de que o público poida gozar destes debuxos dixitalizouse o material, de forma que se poden observar os orixinais ao tempo que se aprecian os detalles do seu traballo nun formato máis visible.
Vocación didáctica
En liña coa vocación de difusión e divulgación que guía as accións culturais de ABANCA, o público interesado poderá ampliar información sobre as obras expostas grazas á aplicación gratuíta Colección de Arte, dispoñible para dispositivos Android e iOs. Esta ferramenta utiliza a tecnoloxía de recoñecemento de imaxes con realidade aumentada e permite acceder á ficha artística da obra, afondar na biografía do autor, gardala en favoritos ou mesmo compartila en redes sociais só con enfocar a obra coa cámara do noso dispositivo móbil e seleccionar no menú a sección correspondente.
ABANCA e Afundación deseñaron tamén un amplo programa didáctico con actividades pensadas especialmente para o público infantil e xuvenil, como as visitas guiadas e os obradoiros dirixidos a centros educativos. O público adulto poderá participar nas visitas comentadas que se realizarán os xoves ás 19 horas, previa reserva.
Horario
A exposición estará aberta ao público no Café Moderno Afundación en Pontevedra ata o 9 de abril. Poderá visitarse de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
Máis información sobre a colección de arte de ABANCA na web: http://coleccion.abanca.com/gl/