ABANCA mostra en Santiago a mellor arte galega vinculada á emigración
- ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’ poderá visitarse ata o 27 de xaneiro.
- Todas as obras que se expoñen foron seleccionadas entre os fondos artísticos de ABANCA e Afundación.
ABANCA e Afundación abren ao público este xoves 6 de outubro no Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela a exposición ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’, que realiza un repaso pola historia da arte galega do século XX realizada fóra de Galicia, principalmente en América e Europa.
A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 44 obras de 20 artistas galegos que contan cun amplo recoñecemento tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Todas as pinturas seleccionadas forman parte dos fondos das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, declaradas Ben de Interese Cultural.
‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’ incide na riqueza cultural que supuxo o fenómeno migratorio e a influencia que exerceu esta experiencia vital na evolución artística de cada un dos creadores escollidos.
O percorrido parte dunha das figuras chave na historia da arte galega: Castelao. A presenza da emigración é unha constante na súa obra e serve para dar paso a un segundo núcleo expositivo constituído polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Maruja Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando falamos da arte galega ao outro lado do Atlántico. A través das súas obras podemos observar cómo evoluciona a súa produción artística, na que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.
A exposición finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades coma Nova Iorque ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora cuxas creacións forman parte da mostra.
Programa didáctico
O carácter divulgativo desta exposición refórzase coa aplicación de ABANCA ‘Colección de arte’, dispoñible gratuitamente para dispositivos móbiles Android e iOS. Esta ferramenta permite ampliar información sobre as obras expostas grazas á tecnoloxía de recoñecemento de imaxes con realidade aumentada. Con só enfocar a obra elixida coa cámara do noso smartphone ou tablet podemos ampliar información sobre ela, coñecer a biografía do autor, gardala en favoritos ou mesmo compartila en redes sociais.
Para reforzar a orientación didáctica deste proxecto expositivo, ABANCA e Afundación deseñaron tamén un amplo programa de actividades pensadas para o público infantil e xuvenil, como as visitas guiadas e os obradoiros dirixidos a centros educativos.
Horario
A exposición poderá visitarse no Centro ABANCA Obra Social da Praza de Cervantes ata o 27 de xaneiro, en horario de luns a venres de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 17.00 a 21.00 horas.