ABANCA potencia a concesión de crédito ás confrarías galegas
- A entidade financeira pecha un acordo estratéxico co sector que xa chega a 50 pósitos
- O banco acolle unha mesa de traballo coas principais confrarías das comarcas de Bergantiños, A Coruña, Betanzos, Eume, Ferrol e Ortegal
ABANCA ampliou esta tarde na Coruña o seu plan de apoio estratéxico ao sector do mar, tras firmar un convenio de crédito con quince confrarías da área de influenza da cidade herculina. Unha nova fita no compromiso da entidade financeira cos pósitos de pescadores galegos que abre unha canle de comunicación directa para coñecer as necesidades deste colectivo e ofrecer produtos adaptados ás súas demandas.
O banco con sede en Galicia pecha deste xeito un plan de apoio ao sector pesqueiro que lle permitiu firmar acordos con máis de medio centenar de confrarías e coñecer de primeira man as súas necesidades. Unhas rúbricas que se sucederon en diversas mesas redondas nas últimas semanas en Vigo e Santiago, aínda que tamén individualmente con confrarías de Pontevedra e Lugo. Precisamente a firma desta tarde na Coruña enmarcouse nunha xornada de traballo informal na que se abordaron os principais desafíos e oportunidades do sector.
No acto celebrado esta tarde na Coruña, participou por parte de ABANCA o director territorial na Coruña, Gerardo Fuertes; o director de ABANCA Mar, Javier Fraga; e diversos directores de zona e de oficina e xestores peme da territorial.
Por parte das confrarías tomaron partido Lucía Villar (patroa maior da Confraría de Cedeira), Isabel Maroño (patroa maior da Confraría de Ferrol), María Teresa Carnero (patroa maior da Confraría San Telmo de Mugardos), Juan Carlos Rey (patrón maior da Confraría de Ares), María Jesús López (vicepatroa maior da Confraría Virxe do Carme de Pontedeume), María Josefa Crespo (patroa maior da Confraría de Miño), Andrés García (patrón maior da Confraría de Sada), Emilio Méndez (patrón maior da Confraría de Lorbé), Guillermo Neira (patrón maior da Confraría de Mera), Felipe Canosa (patrón maior da Confraría da Coruña), Pedro Pérez (patrón maior da Confraría de Malpica), María Carmen Suárez (patroa maior da Confraría de Corme), Manuel Vidal Villar (patrón maior da Confraría de Laxe), Juan Carlos Pardo (patrón maior da Confraría Nosa Señora do Carme de Cariño) e José Héctor Morgade (patrón maior da Confraría de Caión).
ABANCA Mar, unha división específica ao servizo do sector
Os acordos de ABANCA coa maior parte das confrarías de Galicia nas últimas semanas encaixan coa súa estratexia de apoio ao sector primario grazas a un plan que permite atender as necesidades dun colectivo relevante para a economía autonómica. A última edición de Conxemar serviu para presentar ABANCA Mar, unha división creada para dar respostas a un sector amplo e heteroxéneo cun crecente catálogo de produtos e uns profesionais altamente cualificados.
Proba de iso son as opcións de financiamento que desde este momento están a disposición das confrarías coruñesas, entre as que destaca unha póliza de crédito a cinco anos e sen comisións pensada para facer fronte aos períodos de caída de ingresos. A oferta sectorial tamén inclúe desde préstamos persoais sen xuros ou comisións para aprazar o pagamento de impostos ou subvencións ou liñas de desconto ata leasing mobiliario, avais ou liñas de comercio exterior. Os membros das confrarías tamén poderán acceder aos plans de financiamento con apoio institucional, como o Plan Activamos firmado por ABANCA coa Deputación da Coruña, os programas oficiais de crédito do Igape ou do ICO ou o financiamento a través de Afigal.