ABANCA prepara na Coruña a primeira exposición sobre Urbano Lugrís muralista
- ‘Lugrís, paredes soñadas’ reúne máis de cen obras do artista que ofrecerán unha completa visión sobre a súa faceta como decorador de espazos
- A presentación da mostra coincidirá co fin dos traballos de rehabilitación do mural de Urbano Lugrís na sede do banco na Coruña
- A exposición servirá para presentar ao público obras que non se exhibiron ata o momento
ABANCA ultima os preparativos para a exposición sobre Urbano Lugrís que reunirá na sede de Afundación da Coruña máis dun centenar de obras do artista baixo o título ‘Lugrís, paredes soñadas’. Trátase da primeira mostra que se organiza especificamente sobre o traballo do pintor galego como muralista. A súa apertura ao público o 31 de marzo coincidirá co fin dos traballos de restauración da pintura mural ‘Vista de A Coruña 1669’, que quedará exposto ao público permanentemente no acceso á sede do banco na cidade pola rúa Olmos.
A exposición, comisariada por Rubén Ventureira, ten como obxectivo destacar a importante faceta de Urbano Lugrís como decorador de grandes espazos públicos ou privados. É a primeira vez que se realiza un proxecto expositivo con este enfoque e desta envergadura, tanto polo número de obras, 106 en total, como pola súa calidade.
Os fondos que se mostrarán proceden en parte das coleccións de arte de ABANCA e de Afundación, pero tamén realizouse un gran traballo de procura e selección de obras entre coleccións particulares, galerías de arte, museos e diferentes institucións públicas e privadas. Moitas delas poderanse contemplar en público por primeira vez, como o esbozo realizado polo artista para a igrexa de San Pedro de San Pedro de Visma (un proxecto que finalmente non levou cabo); o óleo Stella Maris, para a Confraría de Pontedeume; os vidros decorativos dunha celosía deseñados para unha vivenda da Coruña; un gran mural que pintou no Sanatorio Álvarez, de Santiago; ou debuxos de letras e doutro tipo que fixo para revista Vida Galega.
Grazas á colaboración con outras organizacións conseguiuse tamén reunir obras cunha orixe común que se atopan na actualidade en diferentes localizacións. Algunhas pezas mesmo se mostrarán recreando a súa disposición orixinal, como as procedentes dunha barbería coruñesa.
A rehabilitación do mural ‘Vista de A Coruña 1669’ servirá como punto de partida da exposición. Explicarase a orixe da obra, como elemento decorativo na sede do Banco Hispano-Suízo, e todo o proceso de protección, traslado e restauración realizado por iniciativa de ABANCA desde o mes de agosto ata este mesmo mes de marzo. A continuación exhibiranse ou recrearanse diferentes pinturas realizadas polo artista para decorar espazos tan variados como hoteis, recintos relixiosos, fábricas industriais ou institucións culturais.
A mostra, que poderá visitarse ata o 2 de setembro na sede de Afundación na Coruña, complementarase cun extenso catálogo.