ABANCA presenta ás confrarías do sur da Coruña as súas opcións de crédito para renovación de flota e sostibilidade pesqueira
- A entidade financeira reúne aos pósitos de Barbanza, Muros, Noia, Fisterra e Terra de Soneira para explicarlles o seu plan de financiamento especializado e adaptado ás particularidades do sector marítimo-pesqueiro
- O banco reforza o marco de colaboración con este colectivo e aborda nunha mesa de traballo os principais retos e necesidades do sector
ABANCA vén de reforzar a alianza financeira que mantén coas confrarías de pescadores da zona sur da Coruña. A entidade financeira firmou hoxe cos pósitos de Barbanza, Noia, Muros, Fisterra e Terra de Soneira novos convenios de colaboración con distintas opcións de crédito adaptadas ás particularidades deste colectivo e orientadas a mellorar a súa competitividade e, especialmente, a apoiar a renovación da flota pesqueira e a mellora da sostibilidade do sector.
A renovación deste marco de colaboración conxunta tivo lugar esta tarde en Santiago, nun encontro no que participaron, por parte de ABANCA, o director territorial, Juan Carlos Carneiro, e o coordinador de ABANCA Mar en Galicia, Miguel Ríos, así como outros profesionais da entidade financeira vinculados co negocio do sector pesqueiro. Por parte das confrarías asistiron un total de 11 patróns maiores ou representantes dos pósitos do litoral sur da Coruña: José Manuel Pérez Cebreiro (Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz), José Ramón Lema Romero (Confraría de Pescadores de Camariñas), José Domínguez Buiturón (Confraría de Pescadores de Corcubión), José Manuel Martínez Escarís (Confraría de Pescadores de Fisterra Nuestra Señora de las Arenas), José Mariano Louro Lago (Confraría de Pescadores de Lira), Daniel Formoso Moledo, (Confraría de Pescadores de Muros), Adelino Freire Gandarela (Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia), Fernando Siaba Espasandín (Confraría de Pescadores de O Pindo), María Josefina Cobas León (Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín), Emilio Queiruga Santamaría (Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son) e José Antonio Pérez Sieira (Confraría de Pescadores San Pedro de Riveira).
ABANCA aproveitou esta reunión para presentarlles aos pósitos asistentes as novidades da súa oferta financeira dirixida á cadea de valor do mar, que pon o foco en dar resposta a dous grandes desafíos que ten por diante este sector: a renovación da flota pesqueira e a mellora da sostibilidade.
Hipoteca naval
Tal como explicaron os representantes de ABANCA durante esta mesa de traballo, a entidade ten en marcha, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, un ambicioso plan de financiamento, con produtos específicos como hipotecas navais, préstamos a tipo fixo ou pólizas de crédito deseñados ad hoc para apoiar ao sector nos procesos de construción de novas embarcacións, remodelacións ou segunda adquisición de barcos.
Ademais, ABANCA trasladou aos pósitos durante esta reunión a súa firme vontade de impulsar o financiamento de proxectos que contribúan á mellora da sostibilidade social, económica e medioambiental do sector marítimo-pesqueiro. Así, o banco daralle prioridade, entre outros, a aqueles investimentos orientados á redución do impacto ambiental, mellora da eficiencia enerxética de instalacións ou incorporación de novas tecnoloxías que favorezan a valorización de produtos pesqueiros e a súa trazabilidade.
A oferta presentada onte tamén inclúe solucións flexibles e adaptadas para o financiamento de circulante, préstamos para financiar a compra de materias primas en campaña, mareas, pagos de gasóleo ou de dereitos de pesca; anticipos de subvencións ou para facer fronte a paros biolóxicos ou pago de impostos, así como liñas de comercio exterior, leasing mobiliario, avais ou seguros, entre outros produtos.
Traballo conxunto para coñecer as demandas do sector
A xornada permitiu a ABANCA coñecer de primeira man a realidade deste sector clave para a economía galega e, especificamente, as inquedanzas da pesca de baixura e o marisqueo do sur da Coruña. Coa cita celebrada esta tarde, xa son catro as edicións dunha xuntanza impulsada pola entidade financeira co obxectivo de traballar de maneira conxunta para dar resposta ás demandas deste colectivo.