ABANCA presenta na Coruña a exposición ‘Espazo e Tempo. A escultura na Colección ABANCA’
- O presidente de ABANCA destaca que a mostra “supón un novo fito no compromiso do banco de poñer en valor o seu extraordinario patrimonio artístico”
- O proxecto explora a relación entre a escultura, a pintura e a arquitectura a través de 68 obras da Colección ABANCA
- A exposición estará aberta ao público na Sede Afundación A Coruña ata o 30 de agosto

De esquerda a dereita, o responsable de xestión da Colección ABANCA, Diego Cascón, o director xeral de RSS e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, diante dunha das pezas máis significativas da exposición: 'Muda o cacho' de Francisco Leiro.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA presentou na Sede Afundación A Coruña a exposición ‘Espazo e Tempo. A escultura na Colección ABANCA’. O proxecto explora a relación entre a escultura, a pintura e a arquitectura, convidando o espectador a reflexionar sobre como estas disciplinas se complementan e se desafían mutuamente.
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, destacou na presentación que “esta exposición constitúe un novo fito no compromiso do banco de compartir e poñer en valor o seu extraordinario patrimonio artístico”. Ademais, sinalou que “este proxecto supuxo un reto especial, xa que é a primeira vez que organizamos unha mostra centrada na escultura. E facémolo desde unha perspectiva ampla, onde as pezas escultóricas dialogan con instalacións artísticas e pinturas, enriquecendo significativamente a proposta expositiva”.
Tamén asistiron ao acto de apertura o director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o responsable de xestión da Colección ABANCA, Diego Cascón, que realizou unha visita guiada.
A mostra reúne 68 obras da Colección ABANCA de artistas con amplo recoñecemento nacional e internacional, como Francisco Leiro, Eduardo Chillida, Jorge Oteiza, Antoni Tàpies, Baltasar Lobo o Juan Muñoz, entre outros, catro andares do edificio de Afundación. Pódese contemplar desde a grandiosidade do granito na obra ‘Fonte de min’ de Manolo Paz ata a delicadeza das pezas en barro cocido de Isidoro Brocos.
A variedade de materiais e técnicas que se presentan, así como a ampla nómina de creadores escollidos, entre os que destacan os artistas galegos e portugueses, ofrece unha oportunidade única para apreciar a riqueza e diversidade da escultura contemporánea a través dos fondos artísticos do banco.
Percorrido cronolóxico
A visita organizouse cronoloxicamente, de modo que o percorrido permite facer unha lectura histórico-artística desta disciplina desde finais do século XIX á actualidade.
Comeza cun primeiro bloque dedicado á escultura en Galicia cara a finais do século XIX e principios do XX, con exemplos de modernismo, gusto rexional e renovación, representados por obras de Torre Mirón e Brocos.
O seguinte apartado está centrado na escultura española de mediados do século XX, con especial atención á obra de artistas galegos. Inclúense obras de Baltasar Lobo, Jorge Oteiza, Eduardo Chillida, Luis Caruncho, Leopoldo Nóvoa e Acisclo Manzano, que ilustran a riqueza do panorama artístico español durante este período.
As obras seleccionadas para o terceiro bloque rompen coas formas tradicionais de representación, explorando tanto a abstracción como a expresividade figurativa. Destacan pezas como ‘Sileno acarreado por tres sátiros’ e ‘Muda ou cacho’, de Francisco Leiro, que comparten espazo con obras de Alberto Carneiro, Rui Chafes ou Susana Solano.
Finalmente, na última parte, a escultura fusiónase coa arquitectura e establece o punto de partida para unha reflexión sobre a evolución da escultura e a súa constante procura de novas formas de expresión a través de creacións de Manolo Paz, Francisco Leiro, Eduardo Chillida ou Manuel Patinha.
Dixitalización e accesibilidade
Para facilitar que calquera persoa no mundo poida visualizar as obras desta exposición de forma dixital e con alta calidade, realizouse un modelado en 3D de todas as esculturas. Grazas a este traballo tecnicamente avanzado, que combina fotogrametría e intelixencia artificial para capturar e reconstruír estatuas coa máxima fidelidade, podemos acceder a un visor interactivo e moi intuitivo que permite explorar estes modelos en 3D, sen necesidade dun software especializado.
Deste xeito, é posible visualizar as obras desde todas as súas perspectivas, apreciando todos os detalles, a través de calquera dispositivo móbil ou navegador web. Para iso, só é necesario ler o código QR incorporado ás cartelas das obras na propia sala de exposicións ou no catálogo que se editará próximamente.
Horario
‘Espazo e Tempo. A escultura na Colección ABANCA’ estará aberta ao público na Sede Afundación A Coruña desde o 21 de febrero ata o 30 de agosto, en horario de luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e domingos de 11.00 a 14.00 h.