ABANCA presenta na Coruña a exposición ‘Tradición, cambio e innovación’
- A mostra revisa a historia da arte do século XX a través dos fondos do banco
- A exposición achega ao público coruñés a Colección ABANCA ata o 5 de xuño
ABANCA presenta este mércores 2 de marzo na sede de Afundación na Coruña a exposición ‘Tradición, cambio e innovación’, que propón un percorrido polos artistas máis destacados da historia da arte do século XX a través dos fondos da Colección de Arte ABANCA.
Entre as 56 obras seleccionadas atópanse creacións de artistas galegos, españois e internacionais que foron precursores e renovadores das linguaxes creativas que definiron o desenvolvemento artístico do século pasado, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
A mostra ofrece unha boa oportunidade ao público para achegarse á Colección ABANCA, a pinacoteca corporativa máis importante de Galicia e unha das de referencia obrigada en España. Formada por 1350 obras de 247 autores, o pasado mes de outubro este conxunto artístico foi declarado Ben de Interese Cultural e o banco marcouse como obxectivo poñelo en valor, traballar para divulgalo e que toda a sociedade poida coñecelo e gozalo.
‘Tradición, cambio e innovación’ comeza cunha aproximación ao complexo entramado dos movementos de vangarda, como o cubismo, o surrealismo ou a abstracción, con obras dos máis representativos creadores do momento, como Pablo Picasso, Salvador Dalí, Kandinsky ou Max Ernst.
Nun segundo bloque expositivo os protagonistas son os autores máis destacados da plástica galega do século XX. Por un lado, representantes da diáspora e o exilio como Castelao, Laxeiro, Seoane ou Maruja Mallo, e por outro, aqueles que na década dos 80 marcaron unha renovación das propostas artísticas en Galicia. Neste grupo atopamos o Colectivo Atlántica, Manolo Paz ou Antón Patiño, xunto a outros nomes como Antonio Murado, Pamen Pereira ou Jorge Barbi, representantes indiscutibles das novas xeracións.
A viaxe continúa con Saura, Millares e Chillida, representantes do informalismo español, para proseguir coas correntes figurativas da arte española dos anos 70, con obras de Luis Gordillo ou Darío Villalva.
O broche final póñeno Jaume Plensa e Miquel Barceló, dous exemplos de artistas que son un referente internacional nos comportamentos artísticos máis actuais.
Vocación didáctica
Os visitantes que desexen afondar no coñecemento das obras e os autores expostos poderán facelo grazas á aplicación gratuíta Colección de Arte, desenvolvida polo banco para completar cun servizo didáctico accesible a todos os públicos os seus proxectos expositivos.
A app, dispoñible para dispositivos Android e iOS, utiliza a tecnoloxía de recoñecemento de imaxes con realidade aumentada e permite acceder á ficha artística da obra, coñecer a biografía do autor, gardala en favoritos ou mesmo compartila en redes sociais só con enfocar a obra coa cámara do noso dispositivo móbil e seleccionar no menú a sección correspondente.
ABANCA e Afundación deseñaron tamén un amplo programa de actividades pensadas para acercar o coñecemento destes artistas e obras ao público infantil e xuvenil, como as visitas guiadas e os obradoiros dirixidos a escolares, aos que xa se anotaron máis de 2.000 alumnos e alumnas de centros educativos.
Horario
A exposición estará aberta ao público na sede de Afundación en A Coruña ata o 5 de xuño. Poderá visitarse de luns a venres de 17 a 21 horas e os sábados e festivos de 12 a 14 e de 17 a 21 horas.
Máis información sobre a Colección de Arte ABANCA na web: http://coleccion.abanca.com/gl/