ABANCA presenta no Museo Nacional Thyssen a exposición ‘Dalí e o surrealismo na Colección de Arte ABANCA’
- Trece obras do fondo artístico do banco vinculadas a esta corrente subliñan o seu papel fundamental na historia da arte
- Entre os artistas seleccionados destacan autores imprescindibles como Salvador Dalí, Max Ernst, Giorgio de Chirico, Joan Miró, Óscar Domínguez ou Maruja Mallo
ABANCASerás redirixido a outro sitio web acaba de presentar no Museo Nacional Thyssen-BornemiszaSerás redirixido a outro sitio web o proxecto expositivo Dalí e o surrealismo en la Colección de Arte ABANCA, que reúne 13 obras seleccionadas dos fondos artísticos do banco vinculadas a este movemento imprescindible na historia da arte do século XX.
Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA; Guillermo Solana, director artístico do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, e Juan Ángel López Manzanares, comisario da exposición e conservador do museo, deron a coñecer a proposta artística, que poderá visitarse gratuitamente até o 27 de xaneiro.
O presidente de ABANCA sinalou a súa satisfacción por ter a oportunidade de avanzar nun dos obxectivos que a entidade se marcou como prioritarios na xestión deste importante patrimonio artístico, que non é outro que “garantir a conservación e difusión de todas as obras que o integran, cumprindo co deber e a responsabilidade que implica esta tarefa cando falamos dun conxunto de 1.350 obras declaradas Ben de Interese Cultural”.
É a segunda vez que ambas as institucións colaboran para achegar á cidadanía unha pequena mostra dos fondos artísticos do banco, despois da exposición Picasso e o cubismo na Colección de Arte ABANCA, que se puido contemplar no mesmo espazo durante o outono de 2015 e que atraeu a máis de 41.000 visitantes.
Como escribe no catálogo Guillermo Solana, "Cando fai tres anos inauguramos no Thyssen a exposición Picasso e o cubismo na Colección de Arte ABANCA xa tiñamos a idea de organizar unha segunda exposición centrada na figura de Dalí. […] a Colección ABANCA posúe dúas pezas moi importantes do artista de Figueras: Las rosas sangrientas (que estivo no Thyssen na mostra Lágrimas de Eros) e o Patio oeste de la Isla de los muertos, homenaje a Böcklin vinculado a unha das pinturas de Dalí nas nosas propias coleccións, Gradiva descubre las ruinas antropomorfas."
O protagonismo da mostra recae, por tanto, na figura de Salvador Dalí, un dos artistas máis relevantes da arte contemporánea con presenza na Colección ABANCA. A súa influencia dentro das vangardas é esencial até o punto de converterse nunha referencia indiscutible do movemento surrealista mundial. Para a mostra seleccionáronse dúas obras significativas dentro da ampla produción deste creador que forman parte dos fondos artísticos do banco, Les Roses Sanglantes (1930) e Cour ouest de l’îlle des morts (obession reconstitutive d’après Böcklin) (1934). Con estes dous lenzos como punto de partida elabórase un discurso expositivo no que participan outras 11 obras destacadas da pinacoteca corporativa vinculadas ao surrealismo.
Todas elas, como sinala o comisario Juan Ángel López Manzanares, ilustran a dobre faceta creativa do surrealismo centrada na "escritura automática" e "o relato dos soños", dualidade na que "non só estaba en xogo a primacía da escritura fronte á pintura, e con ela, a existencia ou non dunha plástica surrealista", senón tamén "unha toma de partido por un tipo de creación instintiva e azarosa, ou por outra de carácter máis premeditado e razoado, elaborada a partir da memoria."
En total, na mostra poderanse contemplar 13 pinturas de dez artistas diferentes, entre os que destacan nomes de recoñecido prestixio no panorama artístico internacional como Giorgio de Chirico, Max Ernst, Roberto Matta ou Wildfredo Lam. A nómina de autores continúa con pintores nacionais como Joan Miró e Óscar Domínguez. Tamén haberá representantes desta corrente en Galicia, a través de obras de Maruja Mallo, Eugenio Fernández Granell e Urbano Lugrís.
Como na ocasión anterior, os visitantes que desexen ampliar información sobre os artistas e as obras expostas poderán utilizar a aplicación para dispositivos móbiles Colección de Arte, dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS.
Colección de Arte ABANCA
A arte moderna e contemporánea da segunda metade do século XX é un dos eixos que vertebran a Colección de Arte ABANCA, un conxunto artístico formado por 1.350 obras de 250 artistas tanto españois como internacionais que foi declarado Ben de Interese Cultural en 2015. Neste ámbito, nos fondos do banco están representados creadores que exerceron unha influencia esencial no devir da historia da arte como o propio Dalí, Picasso, Leger, Miró, Braque, Millares, Chillida, Tàpies, Juan Muñoz ou Barceló, entre moitos outros.
O outro alicerce da colección configúrao a arte galega. Este é a orixe do fondo artístico, que se remonta á década dos 70, e o traballo de adquisición realizado ao longo dos anos levou a reunir un conxunto de nomes e obras que simbolizan traxectorias e etapas da historia artística de Galicia desde o século XIX até practicamente a actualidade. Destacan autores como Pérez Villaamil, Sotomayor, Castelao ou Carlos Sobrino, xunto con outros creadores que, baixo a influencia das vangardas internacionais, supoñen unha verdadeira renovación da pintura galega, como Manuel Colmeiro, Arturo Souto, Carlos Maside, Laxeiro ou Luís Seoane. O fondo tamén conta con exemplos de artistas con amplo recoñecemento internacional na actualidade, como Francisco Leiro ou Antonio Murado.